28 diciembre 2007

25 Anos de... Paz?






Vintecinco anos despois da finalización da Guerra Civil, o réxime de Franco decidiu expoñe-los froitos da súa acción.



No 1964 sendo ministro de Información e Turismo o hoxe demócrata Manuel Fraga Iribarne, puxo en marcha unha xigantesca campaña propagandística para conmemorar os vintecinco anos de paz en España, presentada como un gran triunfo do réxime de Franco.

Para elo, deixouse a un lado o discurso político de cruzada, que discriminaba ós vencidos de abril de 1939, en beneficio dun ton máis conciliador, que pretendía capitalizar a paz asociándoa ás melloras económicas e sociais que se empezaban a percibir.

O que fixeron entón foi encher as prazas das cidades e vilas con numerosos carteis que loubaban os seus logros, comparando situacións de antes e despois, como os da mostra deste artigo.

Recordo como encheron o Pedregal e o Salón de América de grandes carteis pegados sobre taboleiros de mais de dous metros de alto formando calles e os cativos correndo a xogar polo medio deles, entre todos estaba eu, que era un rapaz novo e asustado de algo que se escapaba a miña lóxica e comprensión de rapaz de aldea, recordo aquel episodio como algo desagradable ó igual que aqueles "simulacros" de elccións seudo democráticas que se facián para elexir ós representantes do tercio familiar, .... deus! que mal soaba aquelo!.



21 diciembre 2007

Bienvenido, Mister Marshall!


O Plan Marshall foi un plan dos EE. UU. para a reconstrucción dos países europeos despois da II Guerra Mundial. A iniciativa recibeu o nome de George Marshall, Secretario de Estado dos EE. UU..

Certas partes do mundo devastadas pola Segunda Guerra Mundial non se beneficiaron do Plan Marshall. España foi o único gran país da Europa occidental que quedou excluido, debido a que logo da gerra civil o réxime franquista cerrouse nunha política de autarquía e ostracismo, cerrando as portas a todo o que acontecía fora do país; non éramos Europa. Con certas reticencias os Estados Unidos decidiron ofrecer a España axudas económicas, a cambio encheron España de bases militares americanas e o réxime de Franco era, de tódolos modos, unha garantía de freno a influencias soviéticas.

Durante a década dos cincuenta, España recibiu financiación estadounidense, aínda que en menor medida que os países afectados polo Plan Marshall; esa e a ironía do título da película de Berlanga "Bienvenido, Mister Marshall"; de todalas maneiras foi un punto de partida da recuperación económica tras máis de dez anos de durísima posguerra.

Dentro de esa axuda estaba o suministro ás escolas de leite en po e queixo, que se repartían ós alumnos para paliar o deficit alimentario que padecíamos.
O leite en po viña en bidóns grandes de cartón duro e aros metálicos , e o queixo americano viña en caixas e era grande e moi amarelo, ás veces estaba rancio, o leite tamén, e sabía a raios pero cando non estaba moi bon, o queixo tiña moita aceptación por iso chegaba con menos frecuencia ás escolas.
Na escola da Tenencia había unha ola grande, para ir a buscar auga á fonte do río Novo e facelo leite, tiñamos que ir dous rapaces e volver con ela chea, e despois a lavar todo á fonte outra vez, si che tocaba era unha sorte. Carballeira, as veces mandaba xuntos a dous que estaban enfadados e non se falaban, pero á volta xa eran amigos, era o costume, indo a facelo leite amañabanse eses problemas. Os vasos para o leite, cada un levaba o seu e deixabanse quedar nunha estantería que había ó fondal da aula, ó principio eran de vidro e rompían moitos, o que tiña un de aluminio dos que traían dos bacaladeiros tiña sorte, logo empezou a habelos de plástico.

Que pobreza, visto dende o punto de vista de hoxe. Moita fame non se pasaba pero a alimentación era moi básica, había pouca variedade na alimentación, moito caldo e cocho e patacas e sardiñas. Hortalizas coñecianse poucas, o marisco comiase pouco, ... que destrago!

18 diciembre 2007

Quinín


Publicado en Caamouconet:

.- Joaquin Rojo Seijas, "Quinín". Persoa comprometida e controvertida, bo pensador e conversador, curioso pintor.
Tamén bo comedor e bebedor, levaba sacos de cabezas de bacalao, das que traían dos bacaladeiros, para Madrid, para facer picarachas e teño oido que algunha vez baixaronno do tren en Ponferrada po-lo cheiro (seguro que é mentira). Pero o que si é certo e que os taxistas de Pontedeume xa lle coñecián a voz e cando os chamaba por teléfono, para ir á Vila a comprar oleos, non quería vir ningún a buscalo, pintaballes os asentos do taxi cá pintura que levaba na roupa. Disfrutou moito cá súa pintura e eso é o que conta.

Pero todo esto xa foi cando era maior.Sempre foi un boemio, un bon vivant e soupo vivir a vida, nunca tivo coche nin moto, nin siquera bicicleta, cando era novo tiña unha moza en Sanxoan e pedía prestada unha bicicleta para ila ver, pero viveu ben á súa maneira.
Eche o que hai que facer, ou non Quinín?

.- É de destacar a sua preocupación polo entorno de Caamouco, a pena que sinteu cando cortaron as arbres do Carballo ou do Regueiral. Tamén a súa peculiar pintura, movida si se subía a un barco, torta si o lenzo tamén o estaba, ou variable si a paisaxe o era... coido que ás veces importáballe máis o proceso que o resultado, pois téñeno visto pintar e despintar un caiuco nunha pintura de Sabadelle, e todo porque o caiuco veu.. e logo foise.

Certo é o seu carácter bohemio e extravagante, pero tamén viaxeiro, Irlanda, Túnez, Viena, Venecia, Roma, Castela.... Contaba ás veces que era amigo do hispanista Ian Gibson, e mais a miudo o que lle pasou en Santiago, cando unha velliña lle deu esmola e el, devolvéndolla díxolle "Ai señora, o hábito non fai ó monxe".

Donou leiras á Agrupación Instructiva de Redes e Caamouco (nome histórico), así como a súa colección de libros e cadros, que hoxe alí está ... a punto de desaparecer.Tamén estivera na cadea por pensar diferente ao Fraquismo, nunca delatou a os seus compañeiros, entre eles, o que fora ministro de cultura no goberno de Felipe Gonzalez: Jorge Semprun (2 anos de cadea e moitas palizas) de 1969 a 1971 non poido comer cabezas de bacallao nin desgraciadamente poido manchar o coiro aos taxistas de Pontedume.

.- Tamén estivo na guerra de Nicaragua de cooperante un mes, e logo a Mexico onde coñoceu as pinturas de Diego Rivera e a súa muller Frida Kalo en Kueyakan, tamén estivera, en Costa Rica, nas Illas Sheychelles, pintando aos nativos e pintou a estación de Amsterdam, un cadro como centos deles, esmoecendose na Agrupacion Instrutiva de Caamouco.

Non só viaxeiro, a Irlanda foi de emigrante, onde pasou moita fame cos clerigos, emigrou tamén a Madrid onde se fixo catedrático de filoloxía inglesa. Traballaba dando clase nun instituto do barrio da Elipa, e recibía clases de pintura na escola de Bellas Artes de Madrid. Prexubilouse aos 61 anos pois tiña parkinson e una doencia cardíaca, pouco tempo para vivir como un bon vivant, pois morreu a os 62 anos, e a maior parte dese tempo adicouno a pintar frenéticamente a todos os seus veciños e todas as paixaxes de Redes e Caamouco para poder lembrar de home as paixaxes da súa nenez.

En Redes non temos taxis pero tiñamos a QUINÍN que os taxistas de Pontedeume brilaban a seu lado.

Un día, ás tres da mañá, chamoume dende uhna clínica de Ponferrada, pois lle dira un amago de infarto e tivera que abandoar o tren que nos leva pola veira do Miño. Eu fora a velo. Nota do

Autorretrato.

Permitamos que Quinín se presente a si mesmo, como o fixera no escrito que recollemos co gallo de presentarse para unha exposición que fixera na Sala de Sesións da Casa do Concello de Fene.

Esta exposición é un homenaxe a Redes e ás xentes de Redes. Un homenaxe faise por amor, por admiración ou por agradecemento. No meu caso é polas tres cousas. Eu sinto por Redes o que os ingleses chaman "pride of place", orgullo do lugar onde a un lle tocou nacer.

Vivin en Redes ata os 17 anos. Despois emigrei a Madrid. Castelao decía que nun día en Galicia aprendía máis que nun mes en Madrid. Eu comprendo perfectamente o que quería decir. Non hai no mundo escola coma a da fame, a miseria, o sufrimento. E ainda que eu era dos afortunados ó que endexamais lle faltou un cacho de pan, ó rededor de min vin pasar moitas cousas que me abriron os ollos á inxusticia dunha situación que clamaba ó ceo.

Naturalmente, estou falando da inmediata postguerra e do franquismo que vivín dende o seu nacemento ata a súa morte. E acórdome como se fora hoxe do valor, da coraxe, da resistencia da xente de Redes diante dese estado de cousas. No lugar primeiro teño que poñer á miña nai, muller heroica onde as houbera, que tiña unha forza que lle medraba con cada pau que lle daba a vida. E levou moitos. ¿E como non acordarme de Higinia, do Xanxé, de Regino o barbeiro, do Perocho e da súa familia, do Eugenio, do Jerónimo, do Manolo Pazos e tantos e tantos outros que encherían dous folios coma este?

Esa foi a miña escola cando non había nin escolas nin mestres. Ós nenos tocábanos sufrir e calar. E desde aquela son marxista, é dicir, estou no partido dos fusilados non no dos fusiladores, cos que non teñen ou teñen menos do que deberían ter.

Foi tamén en Redes onde pintei os meus primeiros cadros. Cada Nadal eu era o que facía o nacemento da igrexa de Caamouco, o da miña casa e os das casas dos amigos. Descobrín a ledicia de facer unha cousa bonita e conservei ese costume ata hoxe. Eu non vivo da pintura, a miña profesión é outra. Non obstante, disfruto moito cando o cadro vai collendo forma, cando as colores se van equilibrando ata conquerir unha harmonía na tela. E penso como o novelista inglés D.H.Lawrence que a beleza é tan importante coma o pan para levar unha vida máis completa. E se me preguntades por qué pinto, contestareivos con palabras de García Lorca: eu pinto para que a xente me queira.

Quero agradece-la colaboración de Andrés Freire, Rosita, a filla de Higinia, e dos seus fillos Tobo e Luis; tamén lle dou as gracias a Aquilino, sen eles non podería face-los marcos dos cadros que expoño.

QUININ.

04 diciembre 2007

Mestres

Na vida dunha persoa son importantes os mestres que lle tocan. Eu tiven a sorte de ser alumno dalgúns bos mestres.

Lendo no xornal algo dó ceramista Fran Pérez Porto espertan en min as lembranzas de toda unha serie de vivencias dún tempo importante da miña vida.

Corría o verán do ano 1.96o e pico, era eu un rapaz de 15 anos, estudiante do bacharelato cuns resultados aceptables, cando un día meus pais plantexáronme a posibilidade de presentarme ó exame de aprendiz para Astano, que era unha das saídas laborais que había para os rapaces da bisbarra. Colleume de sorpresa a proposta e non sabía que responder, ti preséntaste e si aprobas xa pensarás si aceptas ou non, dixéronme.

Con esa idea presentei a solicitude e esquecinme totalmente do tema somerxido nun tempo de verán, de xuventude, de deporte, de praia, dos primeiros tonteos coas rapazas dun adolescente sen preocupacións nin obrigacións maiores.

Unha desas tardes na praia da Areamorta veume avisar un amigo, que te chama don Andrés, que vaias alí agora mesmo. Que me quererá, pensaba eu mentres ía cara á casiña que está xusto enriba do muelle da Areamorta, sóbese por unhas escaleiriñas moi estreitas e moi longas, alí daba el as súas clases particulares.

Cando cheguei onda el, miúda me armou! Non tes sentido nin responsabilidade ningunha! Maña un exame e perdendo o tempo na praia en vez de estar estudiando! …. Non sabía de que me falaba, e como veu a miña cara de estrañeza díxome, pero ti non sabes que o exame para Astano é maña? Non señor, eu non o sabía. Pois veña, imos a repasar os temas que poden saír na proba. E así me tivo todo o resto da tarde e ate a noitiña, estudiando.
Ó día seguinte aprobei o exame gracias a que D. Andrés Freire López, era mestre, preocupouse do que a min nin se me pasaba pola cabeza, sin o seu aviso seguramente nin iría a facer a proba.

Logo, xa nin me acordei do que me plantexara meu pai, de si aceptar ou non a praza, deixeime levar e entrei a formar parte do alumnado da Escola de Aprendices de Astano, tomando así a miña vida unha dirección determinante no devir do meu futuro e da miña, daquela, futura familia.

Era o Astano dos metaneiros, Laieta, e os superpetroleiros, Arteaga, Butrón, Santa María,..
O primeiro día de madruga obreira, esperando o bus do Ideal Gallego no Carballo, (moitas mañás de frío e auga teño no recordo), no medio dos homes que ían para o choio, mareeime no bus, botei o almorzo fora e cheguei ó meu primeiro día de traballo feito unha piltrafa humana.

E alí, na escola de aprendices coñecín a D. Xosé Mª Pérez Parallé, era mestre dos aprendices do primeiro curso e encargado da escola. Alto, pero menos do que parecía por ser seco de figura e moi dereito nos andares, pelo branco debaixo da boina, bigote fino, amable e ... que vou dicir, probe de min, de Parallé que non estea xa dito. Agradecerlle certas directrices e liñas que el definiu nun momento transcendental e que axudan a que a vida dun adolescente tome unha determinada dirección , e en boa medida a adición á lectura, pois gracias a el e os seus comentarios fíxenme socio do Círculo de Lectores, e ámbalas dúas cousas foron importantes na miña vida.

Estes dous homes merecen o meu agradecemento, moitas gracias mestres.