16 enero 2008

Un falar moi particular.

O seseo é un fonema lingüístico polo cal o son das consoantes "c" (diante de "e" ou "i"), "z" e "s" vólvese equivalente, asimilándose a unha “s” xorda, pouco sonora.
Dáse este fenómeno, a grandes resgos, na parte máis occidental de Galicia, da Costa da Morte ata a fronteira portuguesa.
E corrente oír en Malpica, Camariñas, Vilagarcía,… ou Vigo, esta forma de expresarse: “Vou fasela comida que xa son as dose, e hoxe fago cosido pa selebrar o San Visente”.
O que xa non é tan normal e oilo de Malpica para arriba. Os nosos antepasados, a xente maior de Redes, falaba así. Non sei si sería por influencia da xente que viña do sur de Galicia, dos meiriños, en Redes habíaos, ou si é que moi antigamente falábase tamén así por aquí arriba e ó irse perdendo quedou algún reducto que conservou esa fala ¿!? .

Ó oír á xente maior falando con aquel seseo tan característico, con todo aquel vocabulario, trae a mente do rapaz que un terá dentro toda a vida, recordos de acontecementos, situacións, sitios,… de tantas e tantas vivencias de todos eses anos pasados por esas rúas e praias; conversas oidas na Ribeira ou no muelle (peirao, dise ahora):

.- Arréame ese cabo do muelle e lárgamo na popa, e venme a buscar na gamela, que vou leva-la buceta ás amarras.
.- E porque non imos, mellor, dar unha volta ó curricán a ver si pican unhas robalizas ou xardas?
.- Bueno logo. Pero daquela, a volta pasamos polo Mourón, que disque hai calamares, e botámo-las poteiras.

O Caiuco, a Gamela, a Buceta, sona a embarcacións mariñeiras. Vogar, repalear, xinguir, atraca-lo bote, fondear o morto nas amarras, leva-la lancha a amarra, colle esa boia có bicheiro, faille un as de guías ou un ballestrinque a ese cabo, iza a vela, cobra escota, dar chapapote, xente do mar falando o seu idioma. Larga-los aparellos, o xeito, o bou (si vou ó bou vou, si non vou ó bou non vou) as vetas, o trasmallo, despescar a sardiña dos xeitos, o asexo e o amanexo, a parrocha, os xurelos, xardas, robaliza, pescada,…. fala de xente pescadora.


Mexillón, ameixas da Arqueada, zamburiñas, vieiras, berberechos de Portorradeiro, Sabadelle, ostras do Curbeiriño, nas poceiras do Portiño había barallocas, Areamorta, a Plateira có seu seixo no medio, na Pena de Nosaseñora a fumar os primeiros pitillos e a facer cacheladas, as praias de Riosandeu, Coido e os Pelouros.

Sitios, lugares de recordo e recreo dos sentidos.