01 marzo 2008

O adro da igrexa de Caamouco.

A igrexa de Caamouco ten unha situación privilexiada, as vistas que se disfrutan dende alí arriba impresionan ós que a visitan por primeira vez.

Fai anos o adro da igrexa estaba pechado por un fermoso e antigo muro de pedra con dúas entradas. A de atrás saía ao camiño que sobe para A Malata, saíase por esta porta nas procesións das misas de celebracións como o Corpus, a Pascua ou o domingo de Ramos, con palio e todo o aparato propio destas celebracións. Por un carreiro feito con espadanas e flores dábaselle a volta ao rededor do cruceiro e volvíase polo outro lateral da igrexa.
A outra entrada estaba fronte por fronte á casa reitoral e era a entrada principal.

Estaban as dúas pechadas por uns portais de ferro forxado e pintado de negro e tiñan en grandesmeros a data da súa construción, 1900.
Bo material o empregado, pois logo de máis dun século, case nada, 108 anos!, un deles aínda está de moi bo ver!.
Nun momento determinado, anos setenta ou oitenta, a miña memoria non é todo o boa que debese e non recordo ben a data nin a secuencia pero si teño a constancia do que pasou, eliminouse a maior parte do muro e
os portais desapareceron, deixando o adro aberto ó camiño.

Hai que recoñecer que se gañou espazo para unha das cómodas pragas modernas, os coches, pero se perdeu en cambio o encanto que tiña aquel antigo recinto con toda a súa historia, a dos nosos antepasados, a de tantas e tantas xentes que pasaron e disfrutaron dese lugar.

E os portais?... esa xa é outra historia.