Puidemos ler na prensa dun destes días que o pasado seis de xuño foi o quincuaxésimo aniversario da fundación da empresa Begano (Bebidas Gaseosas del Noroeste) en principio distribuidora e logo, xa no 1.961, fabricadora da Coca Cola.
Boh,... e que? Pois que ao ler a noticia acordeime da primeira Coca Cola que probou aquel cativo de poucos anos que asistía, na compaña dos seus pais, ao que foron as súas primeiras festas Das Peras en Pontedeume.
Logo xa virían outras Peras cos amigos e amigas ao longo dos anos; pero daquela primeira quedoume no recordo aquel momento, sentados nunha das mesas que poñía o Martiño, case chegaban ao medio da estrada, acompañados doutras persoas coñecidas e rodeados de toda aquela morea de xente en festas que paseaba naquela noite de finais do verán, cando meu pai me convidou a unha bebida nova, que se chamaba Coca Cola. Viña nunha botelliña moi feitiña e tiña unha cor moi rara, non se parecía á gasosa nin ao refresco de laranxa, nin ao de limón ..."Sabe a farmacia", díxenlle a meu pai, e xa non quixen máis.

Xa hai desto cincuenta anos, e ao longo deste tempo a bebida da que todos oimos ou limos as "historias" do seu descubrimento e fórmula secreta, a Coca Cola, conquistou o mundo.
E non é ningunha esaxeración o que digo, xa que non hai recuncho a onde un chegue que non encontre a chapa redonda, abolada e enferruxada cravada con puntas nunha parede. Ate fixo cambiar, ou polo menos unificar, a Papa Noel a cor do seu uniforme, que en Europa, según os paises, o San Nicolás, precursor do Papa Noel, era azul, verde, .... pero Coca Cola, coa súa campaña de 1.931, conseguiu que en
todo o mundo sexa un vello rubicundo, orondo e vestido de vermello.
todo o mundo sexa un vello rubicundo, orondo e vestido de vermello.

