27 abril 2008

O AXUNTAMENTO DE CAAMOUCO

A última ocasión, antes de deixar de existir formalmente o 30 de novembro de 1.833, na que o xa testemuñal Reino de Galicia mostrou unha manifestación política foi durante a invasión napoleónica no 1.808. A ameaza que para o mantemento da hexemonía do clero e a fidalguía representaba o empuxe revolucionario de Napoleón, provocaron a súa rápida reacción actuando como estímulos para a resistencia e a mobilización. Que o resultado final de aquel inmenso sacrificio fose o regreso, entre vítores, do rey máis infame da historia de España, non deixa de ser unha paradoxa. Pero Napoleón era o invasor, por moi liberal e reformador que fora.

D. Francisco Bermúdez de Sangro do Pazo do Piñeiro de Caamouco foi comisionado para buscar unha alianza con Inglaterra. Ante o goberno do Rei Jorge III recadou, con notorio éxito, o auxilio que se lle encomendara. Derrotados os franceses e na ausencia do rei, detido en Francia, dentro do proceso que os liberais levaron a cabo nas Cortes encontrábase a reforma das estructuras políticas e entre elas os axuntamentos. Neste contexto, Francisco Bermúdez de Sangro, deputado por Betanzos, é un dos que xuraron a Constitución de Cadiz, promulgada o 19 de marzo do 1.812 (debido á onomástica da fecha, san Xosé, foi coñecida popularmente como "La Pepa"). No Título VI, Capítulo I, di no seu Art. 310. "Se pondrá ayuntamiento en los pueblos que no le tengan, y en que convenga le haya, no pudiendo dejar de haberle en los que por sí o con su comarca lleguen a mil almas, y también se les señalará término correspondiente".
Para levar á práctica o deseño dos concellos liberais promulgase o Real Decreto do 23 de maio de 1812 que regulamenta a súa constitución. A cal sería aprobada na sesión celebrada pola Deputación o 4 de decembro de 1.813.

É de crer que por este medio Caamouco constituíuse en axuntamento independente do de Ares. Como xa está dito, D. Gaspar Rodríguez foi o seu primeiro alcalde. O que non sabemos é si houbo máis.
Á vista do que comentaremos a continuación, non sabemos como é que Caamouco durou como axuntamento ate o 1.827.


Ó seu regreso Fernando VII, en marzo de 1.814, apresurouse a seguí-la invitación de un grupo de diputados absolutistas (Manifiesto de los Persas) e restablece-la monarquía absoluta do século anterior, derogando a Constitución por Real Cédula do 30 de Xulio de 1.814. Quedou anulada así a obra reformadora realizada na súa ausencia polas Cortes e restituíndo os axuntamentos á situación anterior a Constitución.

Tendo en conta que as colonias americanas, por mor do proceso reformador constituíronse en provincias, pasando así a depender da facenda do estado e non da facenda real, cremos que este foi o maior desencadeante da reacción do monarca.
O resto do reinado de Fernando VII estivo marcado pola restauración da monarquía absoluta, a volta ás estructuras do Antigo Réxime, unha represión sanguenta contra dos movementos de inspiración liberal, …. Durante o seguinte Trienio Liberal (1820-23), Fernando intentou salva-lo Trono finxindo ser un monarca constitucional, utilizou tódolos recursos que puido para facer fracasar e obstaculiza-las reformas das Cortes liberais.

É posible que como consecuencia de todo iste desmán os axuntamentos constituídos ó amparo de “A Pepa” tardaran anos en volver a desaparecer.