15 febreiro 2018

A Coca Cola

Puidemos ler na prensa do seis de xuño do 2.009 que era o quincuaxésimo aniversario da fundación da empresa Begano (Bebidas Gaseosas del Noroeste) en principio distribuidora e logo, xa no 1.961, fabricadora da Coca Cola.

Boh, e qué?... Pois que, daquela, ao ler a noticia acordeime da primeira Coca Cola que probou aquel cativo de poucos anos que asistía, na compaña dos seus pais, ás súas primeiras festas Das Peras de Pontedeume.

Logo xa virían outras Peras cos amigos e amigas ao longo dos anos; pero daquela primeira quedoume no recordo aquel momento sentados nunha das mesas que poñía o Martiño, case chegaban ao medio da estrada, acompañados doutras persoas coñecidas e rodeados de toda aquela morea de xente en festas que paseaba naquela noite de finais do verán, cando meu pai me convidou a unha bebida nova, que se chamaba Coca Cola. Viña nunha botelliña moi feitiña e tiña unha cor moi rara, non se parecía á gasosa nin ao refresco de laranxa, nin ao de limón ..."Sabe a farmacia", díxenlle a meu pai, e xa non quixen máis.
Foi a primeira vez que a probaei, pero non a primeira que a vin.
Na casa das avoas Teresa e Alejandra, nas escaleiras que subían ao piso de arriba, habia na parede da esquerda, unha portiña que daba a unha furna maravillosa dode había ferramentas de atar os aparellos, martelos e estopa e botadores para calafatear as lanchas, todas metidas en saquiños de lona. Había temén un coco baleiro (era impresionante, tiña ollos e boca!) e tamén había unha botelliña pequeniña de Coca Cola. Dixéranme que a troixera meu bisavó da Habana...unha mostra debía de ser.


Xa hai desto case sesenta anos, e ao longo deste tempo a bebida da que todos oimos ou limos as "historias" do seu descubrimento e fórmula secreta, a Coca Cola, conquistou o mundo.



E non é ningunha esaxeración o que digo, xa que non hai recuncho a onde un chegue que non encontre a chapa redonda, abolada e enferruxada cravada con puntas nunha parede. Ate fixo cambiar, ou polo menos unificar, a Papa Noel a cor do seu uniforme, que en Europa, según os paises, o San Nicolás, precursor do Papa Noel, era azul, verde, .... pero Coca Cola, coa súa campaña de 1.931, conseguiu que en todo o mundo sexa un vello rubicundo, orondo e vestido de vermello.














Quen non ten tomado unha Coca Cola?