20 xullo 2008

Os boniteiros

Estamos en tempo da costeira do bonito, o príncipe azul do mar, e venme ó recordo cando os boniteiros visitaban a ría tódolos veráns na súa campaña acompañando os bancos de túnidos no seu peregrinar cara ó norte. Entraban na ría para pescar á sardiña, que lles valía de carnada para a pesca do bonito.
Os boniteiros usan cebo vivo, por eso pescábanas ó cerco, e viva, gardábana nuns viveiros para logo, cando a necesitaban, repescala dos tanques e cebar con ela os anzois cós que pescar o bonito.

Eran barcos grandes, moito mais grandes que as lanchas que tiñan os mariñeiros do xeito, impoñían cos seus potentes motores e facendo soar as bucinas púñannos moito respecto ós cativos que mirábamos dende o múelle de Redes como manobraban dentro da ría largando e recollendo os aparellos.

Este ano os boniteiros, ó igual que o resto dos pesqueiros, por mor da descontrolada subida do petróleo tardaron mais do habitual en facerse ó mar, e seguramente esta será unha marea moi difícil, xa que ás dificultades que xa tiñan, menos capturas polo empobrecemento dos mares por sobrepesca e o uso de sistemas non selectivos, a loita por erradicar as artes ilegais, ... súmaselles o importante incremento do prezo dos combustibles.
Según as últimas noticias o precio medio do bonito en lonxa está sendo de 2,5 €/Kg. Téñeno moi duro!

Pero imos tratar asuntos menos tráxicos, e falemos do bonito como manxar, que o é, e moi bo.
E importante mercar pezas que foran pescadas có anzo, á cacea, tal como se ve na fotografía, xa que son de unha calidade moi superior ás que se pescan con redes de deriva. O primeiro tan pronto se pesca é eviscerado e metido no xeo; pola contra o das volantas, unha vez que enmalla pode pasar horas no mar pelexando por librarse, logo na birada dos aparellos os bonitos sufren magulladuras que fan que ó consumilo estea a carne mais desfeita, menos enteira.

Esta moi bo na plancha, en marmitaco, ... pero a min gústame moito preparado segundo a receita que expoño a continuación:

Bonito con tomate.

Ingredintes:

Para 4 persoas
4 rodaxas de bonito
6 tomates, poden ser enlatados
2 cebolas
4 dentes de allo
1 pemento verde
Azucre
Aceite
Sal

Elaboración:

Para a salsa de tomate, pica as cebolas e o pemento verde. Dóuraos nunha pota con aceite e sal.
Corta os dentes de allo en láminas y engádellas á pota. Lava os tomates e tras cortalos en cachos engádeos tamén, botar unha cullerada de azucre para reducir a acidez do tomate. Cociñar durante 20 minutos. (Si se usan tomates enlatados enteiros dan moi bo resultado).

Limpar o bonito de pel e espiñas e facer cachos das rodaxas, salgar e colocar o bonito sobre o tomate que temos na tarteira. Deixar facer a lume moi frouxo uns cinco minutiños aproximadamente. Si se deixa moito tempo resécase.

Podese acompáñar con patacas cocidas. Con arroz branco tamén está moi bo.

Bo proveito.