28 decembro 2007

25 Anos de... Paz?






Vintecinco anos despois da finalización da Guerra Civil, o réxime de Franco decidiu expoñe-los froitos da súa acción.



No 1964 sendo ministro de Información e Turismo o hoxe demócrata Manuel Fraga Iribarne, puxo en marcha unha xigantesca campaña propagandística para conmemorar os vintecinco anos de paz en España, presentada como un gran triunfo do réxime de Franco.

Para elo, deixouse a un lado o discurso político de cruzada, que discriminaba ós vencidos de abril de 1939, en beneficio dun ton máis conciliador, que pretendía capitalizar a paz asociándoa ás melloras económicas e sociais que se empezaban a percibir.

O que fixeron entón foi encher as prazas das cidades e vilas con numerosos carteis que loubaban os seus logros, comparando situacións de antes e despois, como os da mostra deste artigo.

Recordo como encheron o Pedregal e o Salón de América de grandes carteis pegados sobre taboleiros de mais de dous metros de alto formando calles e os cativos correndo a xogar polo medio deles, entre todos estaba eu, que era un rapaz novo e asustado de algo que se escapaba a miña lóxica e comprensión de rapaz de aldea, recordo aquel episodio como algo desagradable ó igual que aqueles "simulacros" de elccións seudo democráticas que se facián para elexir ós representantes do tercio familiar, .... deus! que mal soaba aquelo!.



21 decembro 2007

Bienvenido, Mister Marshall!


O Plan Marshall foi un plan dos EE. UU. para a reconstrucción dos países europeos despois da II Guerra Mundial. A iniciativa recibeu o nome de George Marshall, Secretario de Estado dos EE. UU..

Certas partes do mundo devastadas pola Segunda Guerra Mundial non se beneficiaron do Plan Marshall. España foi o único gran país da Europa occidental que quedou excluido, debido a que logo da gerra civil o réxime franquista cerrouse nunha política de autarquía e ostracismo, cerrando as portas a todo o que acontecía fora do país; non éramos Europa. Con certas reticencias os Estados Unidos decidiron ofrecer a España axudas económicas, a cambio encheron España de bases militares americanas e o réxime de Franco era, de tódolos modos, unha garantía de freno a influencias soviéticas.

Durante a década dos cincuenta, España recibiu financiación estadounidense, aínda que en menor medida que os países afectados polo Plan Marshall; esa e a ironía do título da película de Berlanga "Bienvenido, Mister Marshall"; de todalas maneiras foi un punto de partida da recuperación económica tras máis de dez anos de durísima posguerra.

Dentro de esa axuda estaba o suministro ás escolas de leite en po e queixo, que se repartían ós alumnos para paliar o deficit alimentario que padecíamos.
O leite en po viña en bidóns grandes de cartón duro e aros metálicos , e o queixo americano viña en caixas e era grande e moi amarelo, ás veces estaba rancio, o leite tamén, e sabía a raios pero cando non estaba moi bon, o queixo tiña moita aceptación por iso chegaba con menos frecuencia ás escolas.
Na escola da Tenencia había unha ola grande, para ir a buscar auga á fonte do río Novo e facelo leite, tiñamos que ir dous rapaces e volver con ela chea, e despois a lavar todo á fonte outra vez, si che tocaba era unha sorte. Carballeira, as veces mandaba xuntos a dous que estaban enfadados e non se falaban, pero á volta xa eran amigos, era o costume, indo a facelo leite amañabanse eses problemas. Os vasos para o leite, cada un levaba o seu e deixabanse quedar nunha estantería que había ó fondal da aula, ó principio eran de vidro e rompían moitos, o que tiña un de aluminio dos que traían dos bacaladeiros tiña sorte, logo empezou a habelos de plástico.

Que pobreza, visto dende o punto de vista de hoxe. Moita fame non se pasaba pero a alimentación era moi básica, había pouca variedade na alimentación, moito caldo e cocho e patacas e sardiñas. Hortalizas coñecianse poucas, o marisco comiase pouco, ... que destrago!

04 decembro 2007

Mestres

Na vida dunha persoa son importantes os mestres que lle tocan. Eu tiven a sorte de ser alumno dalgúns bos mestres.

Lendo no xornal algo dó ceramista Fran Pérez Porto espertan en min as lembranzas de toda unha serie de vivencias dún tempo importante da miña vida.

Corría o verán do ano 1.96o e pico, era eu un rapaz de 15 anos, estudiante do bacharelato cuns resultados aceptables, cando un día meus pais plantexáronme a posibilidade de presentarme ó exame de aprendiz para Astano, que era unha das saídas laborais que había para os rapaces da bisbarra. Colleume de sorpresa a proposta e non sabía que responder, ti preséntaste e si aprobas xa pensarás si aceptas ou non, dixéronme.

Con esa idea presentei a solicitude e esquecinme totalmente do tema somerxido nun tempo de verán, de xuventude, de deporte, de praia, dos primeiros tonteos coas rapazas dun adolescente sen preocupacións nin obrigacións maiores.

Unha desas tardes na praia da Areamorta veume avisar un amigo, que te chama don Andrés, que vaias alí agora mesmo. Que me quererá, pensaba eu mentres ía cara á casiña que está xusto enriba do muelle da Areamorta, sóbese por unhas escaleiriñas moi estreitas e moi longas, alí daba el as súas clases particulares.

Cando cheguei onda el, miúda me armou! Non tes sentido nin responsabilidade ningunha! Maña un exame e perdendo o tempo na praia en vez de estar estudiando! …. Non sabía de que me falaba, e como veu a miña cara de estrañeza díxome, pero ti non sabes que o exame para Astano é maña? Non señor, eu non o sabía. Pois veña, imos a repasar os temas que poden saír na proba. E así me tivo todo o resto da tarde e ate a noitiña, estudiando.
Ó día seguinte aprobei o exame gracias a que D. Andrés Freire López, era mestre, preocupouse do que a min nin se me pasaba pola cabeza, sin o seu aviso seguramente nin iría a facer a proba.

Logo, xa nin me acordei do que me plantexara meu pai, de si aceptar ou non a praza, deixeime levar e entrei a formar parte do alumnado da Escola de Aprendices de Astano, tomando así a miña vida unha dirección determinante no devir do meu futuro e da miña, daquela, futura familia.

Era o Astano dos metaneiros, Laieta, e os superpetroleiros, Arteaga, Butrón, Santa María,..
O primeiro día de madruga obreira, esperando o bus do Ideal Gallego no Carballo, (moitas mañás de frío e auga teño no recordo), no medio dos homes que ían para o choio, mareeime no bus, botei o almorzo fora e cheguei ó meu primeiro día de traballo feito unha piltrafa humana.

E alí, na escola de aprendices coñecín a D. Xosé Mª Pérez Parallé, era mestre dos aprendices do primeiro curso e encargado da escola. Alto, pero menos do que parecía por ser seco de figura e moi dereito nos andares, pelo branco debaixo da boina, bigote fino, amable e ... que vou dicir, probe de min, de Parallé que non estea xa dito. Agradecerlle certas directrices e liñas que el definiu nun momento transcendental e que axudan a que a vida dun adolescente tome unha determinada dirección , e en boa medida a adición á lectura, pois gracias a el e os seus comentarios fíxenme socio do Círculo de Lectores, e ámbalas dúas cousas foron importantes na miña vida.

Estes dous homes merecen o meu agradecemento, moitas gracias mestres.