24 maio 2008

Profesionais.

Antes en Redes había zapateiro. Rafael.
Primeiro viviu e traballou no Campo, na agora casa de Carmela de Cambalete. Logo foise a vivir á casa que está a dereita da primeira curva do Rego, entrando en San Martiño do Porto, a que ten unha bodega que queda a altura da carreteira; antes de que puxeran o gardarraíl non era raro que amañecera algún coche pousado no tellado da bodega, sobre todo a mañán seguinte a certos días de festa
Nos últimos anos que traballou en Redes, Rafael tiña o obradoiro na esquina de abaixo da casa de Santiago, nun recunchiño case triangular moi aproveitadiño.

Traballaban el e máis dous aprendices ou axudantes, Tucho e Portela, dúas boas pezas, sobre todo o Portela que tiña un ollo en branco e dicía que fora de que lle cravaran nel unha lezna das que usaban para coser os zapatos. Non sei si sería certo, pero cada vez que llo oía dicir dábame un arrepío polo lombo.

A zapatería de Rafael era punto de reunión e faladoiro dos rapaces de Redes. Parece increible, recordando agora, que naquel taller tan pequeniño couperan tantas cousas e tanta xente. Estaba a mesa de traballo, unha mesa baixa chea de caixiñas con tacholas e puntas, fios para coser, martelos, coitelas, leznas, botes con tintes, e demáis cousa propias do oficio. Detrás da mesa sentaba o zapateiro nun taburete baixiño, có seu mandil de coiro e sempre algún zapato nas mans. Na parede da súa dereita estaba a máquina esa que tiñan nas zapateirías que era un eixe longo, suxeito nuns soportes a parede e co que se movían múltiples ferramentas para lixar e pulir e afiar e dar brillo, ... de todo. Había múltiples patróns ou plantillas para cortar os zapatos, que el mismo fabricaba, e hormas para darlles a forma apropiada, e os coiros e as solas, e cordóns, e moitas máis cousas. Chamábame moito a atención como poñía as puntiñas no martelo, que tería que estar imantado, aguantabanse soas para poder crabalas sin ter que suxetalas ca outra man; e con que maestría pasaba o fío pola cera e logo cosía as solas ós zapatos. Daba gusto velo.



Houbo tamén barbeiro (antes perruqueiro chamábaselle só o das mulleres, o dos homes era barbeiro).


Quen non recorda a Regino Varela chegar a barbeiría co seu maletín de madeira e con aquel dedo pulgar ríxido por algún accidente. Que paciencia tiña con nos Regino, si hai un ceo teno gañado ..... Aínda que el non cría neso.



Tiña a barbeiría na cabeceira do "Pósito" e curiosamente tamén era de forma case que triangular, ainda que esta, ó contrario que a zapateiría, tiña a porta na parte máis estreita e ancheaba para o fondo, donde estaba o banco de esperar o turno.



Xuntabámonos alí ó saír da escola e có xogo de damas que tiña e máis aquel outro que era unha caixiña cadrada con figuras cadrangulares de distintas proporcións que había que ir desprazando sen levantalas. El, con moita paciencia ensinábanos, cando vía que non o facíamos ben.



Algún, nun despiste do fígaro, deprendeu a usar por primeira vez a navalla barbeira e quedou marcado de por vida. Pero non era só eso o que se deprendía na de Regino, deprendíanse máis cousas. Era un dos poucos sitios onde, naquel tempo, se falaba de política abertamente, sobre todo si andaba por alí Moncho Almería, anarquista convencido que acabou sendo un empregado de correos, que non tiña reparo ningún en erguelo puño e arrancarse a cantala Internacional.



Íamos pasando as distintas xeracións por estas universidades da vida, e en todas uns aprendíamos dos outros as cousas tanto boas como non tan boas, pero de todo había que saber,… ou non?



Houbo tamén médico en Redes; pero esa xa é outra historia.