27 xuño 2008

O Halcón.

Nos anos sesenta-setenta o meu pai tiña un bote duns cinco metros e pico de eslora, moi bonito, era moi feitiño, levantaba a proa elegante e abría as amuras cara arriba rematando nun semicírculo como si fora un abanico. A cuberta era de taboíñas finas, duns tres centímetros de ancho, e moi ben colocadiñas. Daba gusto velo.


O seu nome era Halcón e tiña unha desas aves pintada na parte alta da vela voando cas as despregadas.



O primeiro domingo de agosto, día de Santa Marta, embarcamos toda a familia de mañanciña para, como era costume, ir a pasa-lo día no piñeiral de Cabanas. Armou meu pai a vela e enfilou cara a Centroña para logo, dando bordadas contra o vento do nordeste, ir indo para o Areal.



Pero, como sucede moitas veces nesta ría polo verán, chegando a Centroña o que era unha mañanciña de vento suave ao pouco converteuse nun suplicio para navegar a vela nun botiño pequeno; ao refrescar o nordeste empezou a rizarse o mar e ao pouco xa blanqueaba e non había maneira de seguir. Non lle quedou outra a meu pai que arriar vela, armar remos e tratar de cruzar de volta para Riocastro en busca da zona máis abrigosa. Custoulle caro ao home cruzar aquel, que metidos nel, parecíanos un temporal; bogaba e bogaba co vento de través, e veña salseiros; parecía que non nos movíamos do sitio.



Ao final atracamos nos Muiños, desembarcamos e decidiuse que xa non íamos a Cabanas, xa nos quedábamos a xantar alí. Logo de xantar uns calamares da ría na súa tinta, ¡moito se me acordan aqueles calamares que pescaba meu pai e cociñaba miña nai!, a correspondente tortilla e os postres, meu pai durmiu unha ben gañada sesta para recuperarse do esforzo mentras nós dábamonos un baño o resgardo do nordeste.



E o de ir a Santa Marta quedou para outro ano.



Por certo; un tempo despois o meu pai puxéralle ao Halcón un motor. Tería algo que ver unha cousa cá outra?.... nono creo!

01 xuño 2008

Don Cirilo.

Dicía na entrada anterior que en Redes tamén tivemos médico.


No meu recordo quedan dous doutores en medicina que consultaran en
este pobo. O último, ou sexa o máis recente, D. Manuel Carballo, vivía en Ares e viña a pasar consulta no "Pósito"; foi ate os anos setenta, a partires de aí a xente de Redes asiste a consulta médica a Ares.

Supoño que antes habería outros, pero o primeiro médico que eu recordo en Redes foi D. Cirilo Pérez. Vivía ca súa familia e consultaba nesa casa da foto, a que ten esa inmensa galería tan
fermosa hoxe
tristemente desaparecida; detrás desa galería estaba a consulta.

No meu recordo véxome nela, nos primeiros anos cincuenta, sentado na camilla e vendo o mar dun fermoso día de verán polos cristais da galería; estaba eu acompañado do meu pai, que me levara para que don Cirilo me fixera unha delicada operación nunha orella que saíra “cun defecto”, tiña un cachiño de sobra. Recordo como o doutor me entretivo cuns prospectos de menciñas para, mentrastanto, poder facelo seu traballo sin que eu protestara.

Don Cirilo, neses anos era xa un home pode que cincuentón, con bastante “humanidade”, cara amplia, mofletuda, risoña sempre, sempre amable e atento, có seu maletín disposto e a punto para desempeñar a súa profesión cando fora preciso, a calquera hora.

Contáronme moitas veces que o día que nacín fórono chamar, veu ate a casa, recoñeceu a miña nai e veu que a cousa estaba ben e que había que esperar un pouco. Como era a hora de xantar dixo que ía a súa casa, xantaba e volvía; pero baixando as escaleiras para se ir veu que, na cociña, estaba miña aboa facendo o caldo e mudou de idea, sentouse, puxeronlle un prato e xa se quedou a comer alí un bo prato de caldo.

El era así habitualmente, era a súa forma de ser. Era un médico dos de verdade de familia e que eran como da familia. Xa nos gustaría que fosen así os de hoxe en día, xa!.