16 febreiro 2008

A sala de opio.

Ó anoitecer, e cando non había outras alternativas para pasa-lo tempo (antes da televisión), os rapaces de Redes dos anos cincuenta – sesenta de un amplo abano de idades, entre os mais novos e os xa mozos, que eran os encargados da formación e información dos primeiros, reuniámonos a contar historias, vivencias, ideas e hasta a xogar ó “porras, picos ou pas” e outro xogos na sala de opio.

A chamada sala de opio era o andén do que era a escola de Margarita e hoxe é a perruquería de Dora. Entón non tiña portal e era mais aberta que agora, e era, nembargantes, un recuncho moi recolleito cerrado polo muro alto que da cara ó Pedregal o que o facía moi atraínte para as reunións nas que se fumaban os primeiros pitillos, contábanse contos de Jaimito, se falaba de rapazas, xa que as reunión eran sempre masculinas; naqueles tempos as rapazas non podían estar a esas oras nun sitio escuro e con rapaces. E ate de política se falaba, moitos non sabiamos nin o que era a política, pero había xa entón algúns maiores e coas ideas mais claras, que nos foron abrindo os ollos ós mais cativos a unha forma de pensar e a ver a vida dende unha óptica critica co que estaba a suceder no pais.
Alí estábamos Ramiro, Germán, Meluco e Paquito Ramos, que andan por Francia, Pepón, que andará por Barcelona, Luis o Vivo, Rabanico, Salorio, Cuquito, Queijas, e algúns mais, eu incluido, que si ben non coincidiamos sempre todos a vez, xuntabámonos pandillas númerosas dabondo.


O do nome, co que moi inxeniosamente se denominaba o sitio de reunión, viña dado pola imaxinación dalgún relacionando as salas de opio da China e os pitillos que se fumaban mentres se pasaba alí o tempo.

Hoxe o que se toma alí ó lado son as cervexas que despacha Charito na Pousada do Mariñeiro

12 febreiro 2008

Iserni

En todalas vilas hai persoas que teñen e o merito de facer cousas pola comunidade na que viven de forma totalmente altruista. En Caamouco tamén.
Un deles chamábase Agustín Iserni Vivero e era natural de Mugardos, a súa casa familiar estaba na fachada marítima de esa fermosa vila, enriba dunha das típicas tascas mugardesas do muelle.

Era militar con destino en Ferrol e, por sorte para nos, casouse con Elena e aquí se quedou a vivir, en Liñares.

Agora xustificarei o de “por sorte para nos” que empreguei no párrafo anterior. Pero Agustín, có que fixo ó longo da súa vida ponmo fácil.

Foi Iserni unha das persoas máis dinamizadoras da vida da parroquia; á súa iniciativa debémoslle a recuperación e o disfrute, durante varias décadas, do Club que estaba en estado de abandono por parte do seu dono.

Iserni conseguiu que fora alugado para uso dos socios, por un prezo simbólico. Puxo á xente de Caamouco de acordo para formalizar unha sociedade e poñerse a traballar de forma altruísta na restauración do salón, a pesares da oposición do párroco ó que non lle parecía ben que se traballara os domingos no local en vez de ir á misa, e ben que tratou de poñer á xente en contra desa iniciativa.
E logo, xa co Club posto a andar encargouse de presidi-la sociedade e de que todo funcionara ben case que durante toda a súa duración, el era o que organizaba as actividades que se realizaban.

Canto lle debemos os rapaces daquel tempo a Agustín; tíñamos un lugar de reunión e encontro cóa pandilla, temos pasado moitas horas de tertulia nos tresillos do salón, de partidas de cartas e dominó na cantina e a lectura dos libros que había na biblioteca, nos cales me teño embebido de tal forma que se me escapaba o tempo sen darme conta. Xa logo os guateques que se facían nas tardiñas de verán no andén da entrada, onde algúns, empezamos a romper a timidez de sacar a bailar ás rapazas. As bodas que se teñen celebrado alí e os bailes de San Vicente e do Antroido, bailando a Yenka... !esta es la yenka, que se baila así: Izquierda, izquierda, derecha, derecha, ... ay, qué fácil, es la yenka, mira qué bien va la yenka ...¡ ou as versións da música dos Beatles que interpretaban os Sprinters; e Juan Pindanga de encargado do roupeiro onde se deixaban os abrigos, e Queijas na cantina.

No ano 1.968, como xa tiña feito noutras ocasións, organizou un grupo de teatro, el era o director e ensaiábamos polas noitiñas baixo a súa tutela. Nos anos 1.969 e 70 representamos dúas obras de teatro das que gardo moi bo recordo. Que bos momentos temos pasado ensaiando; xuntábamonos o grupo, Iserni pedíalle a Quiejas o seu güisqui (un Veterano con sifón en vaso) encerrábamonos na secretaría e logo de asignarnos os papeis que representaríamos cada quen , empezabamos a ler o guión para ir memorizando cada un a súa parte e darlle ás frases os matices e as inflexións que Agustín nos ía marcando.
E así pouco a pouco ate que, cando xa sabiamos un pouco o texto e de que ía o asunto empezabamos a facer os ensaios no escenario, e así xa era máis entretido.

Ainda que hai unha faena que lle terei sempre gardada¡

Resulta que cando fun para o Cuartel de Instrucción de Ferrol, para face-la mili, empeñouse en recomendarme a un amigo seu que era Condestable no Cuartel.Eu fun para alí sen a máis mínima intención de, como me dixera el, presentarme ó Condestable. Pretendía emprega-la máxima de que na mili canto menos se note que estás alí mellor.
Pero Agustín, sempre preocupado polos demáis, chamouno para pedirlle que me atendera ben e dándolle os meus datos. O Condestable, en vista de que non me presentei a el, mandoume a chamar por medio do sargento Vilas, de Pontedeume, "Que fixeches?, que te presentes inmediatamente na sala de armas, a o Condestable".

Era un militar dos de mal carácter e armoume un cirio do demo por non facer o que me mandara un señor que se preocupara por min, e eu, un desagradecido, nono tiña en conta e que tal e que cual, e en consecuenia regaloume un arresto...... Aínda que logo, eso si, díxome que si necesitaba algo non dubidara en pedirllo. Púidenlle pedir que me quitara o arresto, .... pero non me atrevín non fora a ser peor.
E pasei todo o resto do periodo da instrucción pendente de si me volvía a chamar a miña recomendación para facerme outro favor.

Todos eses bos momentos, no meu recordo están asociados a el. Por eso este pequeno homenaxe dende esta humilde bitácora a Agustín Iserni.

Gracias por todo Agustín.

02 febreiro 2008

Ardentía

Quen nunca veu arde-las augas do mar, non sabe o espectáculo que se está a perder.

Cando, por unhas determinadas circunstancias nas que non vou a entrar agora, o contido en fósforo das augas do mar alcanza uns determinados valores, calquera movemento que se produza na auga de noite provoca una luminescencia notable.

Surca-las augas da ría, nesa calma das noitiñas do verán vendo arde-las augas, é unha experiencia inolvidable. Ver por popa a estela luminescente que vai deixando a embarcación, as estelas que deixan os peixes apartándose do noso paso, saíndo como lóstregos por proa, a babor e estribor e hacia o fondo cal fogos de artificio. Todo eso dentro dunha calma só rota polo ruído dos trece remos nas chumaceiras dunha traiñeira ó entrar con golpe seco no mar que se abre a eles , “Todos a unha!” dicía Rabanico. Ou o ruído da auga que rompe na proa e volta a caer con pingas de luz o paso da embarcación na que, de madrugada, voltamos da festa Das Peras de Pontedeume, oíndo o fantasmagórico eco do motor e das palabras, que parece que rebotan na escuridade e non son nosas.

E o ver rompe-las olas nunha praia, cando hai ardentía, facendo esa especie de tirabuzón luminoso que se envolve contra a area, xa é o colmo do espectáculo de luz e sonido que nos mostra a natureza.