30 setembro 2007

Anxel Bello

Chamábase Anxel Bello Amado, era o electricista encargado de que "en Caamouco houbera luz", e da maneira que fora, atando os cables e puenteando da forma que só él sabía, pelandoos cós dentes ou agarrandoos ca boina a modo de aislante,..... ó final había luz!. O malo era cando tiña que sustituilo outro do gremio, o que chegaba de novo non se enteraba de como era o sistema de Anxel, non entendía nada, non estaba á altura, e que tíñamos o mellor. E en consecuencia, no seu momento fíxoselle un homenaxe, ... por algo sería. E foi porque era unha persoa sempre ó dispor do que os de máis necesitaran, refunfuñando pero ó final sempre atento.
Si había que matar un porco, chamabase a Anxel e alí estaba el po-la mañán cedo, os seus coitelos listos para actuar, e para tomar o café negro e a copa, pero sempre despois de rematar a faena que si miña nai lla ofrecía antes enfadabase e berraba, pero, "bueno, a ver, bota logo", por non despreciar.
A súa moza era de Samartiño do Porto, do bar O Trapiche, foi o seu un noivazgo de longa duración pero non exento de romanticismo, recordo velo subir po-lo Regueiral para ir a ver a moza a Samartiño tal e como se ve na fotografía, de corpo seco, mans nudosas, nariz aguileña, pelo branco con boina sempre, chaqueta gris, botas, bicicleta e caixa no portaequipaxes chea de bombillas fundidas para tirarlle ós cans, que xa o esperaban ladrando por onde pasaba. Que magoa cando morreu a moza, debeuno de sentir moito o bo de Anxel Bello.
Hai persoas que non deberían de desaparecer nunca, tiñan que ser eternas para seren modelos para os que van chegando a esta vida. Penso que Anxel Bello era unha desas persoas.

26 setembro 2007

Higinia



Nesta pequena vila da parroquia de Caamouco do concello de Ares na Coruña, en Redes, viviron e viven personaxes interesantes e seguramente singulares, sen ser moi distintos dos que habería noutras vilas semellantes.

Unha destas persoas chamábase Higinia, era peixeira e vivia no Calexón. Era entonces, falo dos anos cincuenta, unha vella (dito con todos os respectos que merece este cualificativo, pois si temos sorte a vellos chegaremos) pequena, aínda que forte, morena de pel curtida e pelo canoso tapado sempre por un pano, sempre sorrinte e de falar alegre e alborotador, gustaba de levar aneles de prata nas mans.

Nun dos máis vivos recordos que teño dela véxoa subir do Pedregal por Redes arriba, co carriño cargado de sardiña, pregoando: “Que van saltando, son da ría da música”, coa súa voz cascada e forte e con aquel sonsonete que ela tiña e que resultaba tan propio.

Quen non recorda a Higinia! .. era nai de Rosita, avoa de Luis o Rabanico, Tobo e Manolo, e vendía a sardiña dos xeitos de Redes por toda a comarca. Era moi coñecida.

Os recursos da xente.


Unha curiosidade é o que se chegaba a facer para abonar as laburías.

As familias que tiñan gando na casa, utilizaban o esterco das cuadras.
Pero o esterco era insuficiente para a cantidade de terras que se traballaban en aqueles momentos.Como se solucionaba esa carencia? moi sinxelo.
Aquí aparece o outro oficio que tamén tiñan estas xentes tan sacrificadas, mariñeiros-labradores ou labradores-mariñeiros, non sei como sería.

Pois cando había esa necesidade a que aludíamos antes, saían ó mar e en lugar de buscar sardiñas, buscaban patexo, inda que a maioría das veces aparecía sen buscalo, e non se desperdiciaba, e si non íase ó mexillón. E logo usábanse como abono para a terra, tanto o patexo como o mexillón, no lugar do esterco e seguro que non eran peores abonos.
Como se ve na foto , era frecuente ver os carros de vacas no muelle do Pedregal cargando de abono para levalo ás terras. Dios!, e como cheiraba o patexo ó sol no muelle e nas terras e como o comían as gaivotas e os corvos.

Contábame miña bisavoa, que as penas estaban tan limpas por aquí, que ían a vela ou remo cando non había vento, a buscar mexillón hasta cerca de Cedeira. Viñan ca lancha cargada e cando facía mal tempo, polo medio do camiño había que tirar parte do mexillón para non ir o fondo. E algún por non facelo, tense ido. Ou varar nalgunha praia, para poder achicar auga e volver a navegar….. mil historias.
E posible que fora un pouco esaxerada, por descoñecemento, pero indica que non era cerca ate onde chegaban buscando o abono (mexillóns) para cosechar e logo comer patacas e pan de maínzo,... impensable nos tempos de hoxe!

25 setembro 2007

Dous oficios, doble traballo


A xente de Redes, non vivía exclusivamente do mar.

Había outro medio de vida, as terras que rodean o pobo, eran propiedade das xentes de Redes, e nelas traballaban.
E digo había porque agora, practicamente non quedan aquí labradores, os que cultivan algo fano, a maioría, por entretemento.

Un pequeno número de familias vivían só da terra.
Pero a maioría tiñan dous oficios, as mulleres atendela casa e os fillos, e a labranza, e os homes o mar en tarde-noite e a labranza para “descansar” nos ratos libres, e o de durmir, cando se podía.

Polo Castelo, Agra, Sabadelle, A Chaeira, Fontemerdeira, Os Campos, A Redonda, e así hasta chegar polo outro lado a Os Páxaros e O Curbeiro, pasando por Ríos, Liñares, Riosouto, que eran zonas de horta e frutais, víanse nas épocas de labor, as xentes traballando nas laburías.
Sementando patacas ou maínzo e fabas, o trigo que tamén se sementaba moito, a remolacha para o gando, plantando coles ou repolos, ou ben sachando ou colleitando, ou segando, sempre había xente polas terras e estas estaban limpas e abonadas e non como se ven na foto actual.
Recordos das mallas do trigo no Pedregal, na aira de María do Raso, no Campo, en Curmá, Mazaido, na Solaina…. Que calor facía e como picaban os “caños” que quedaban despois de separar o grao e a palla. ….. As xentes axudándose uns os outros, tomando a merenda nas plantas de patacas ou nas segas.

Outro grupo ganaba o sustento na industria, (O Arsenal, Astano mais tarde, Fenya, Fábrica de lápices e outros talleres e comercios da zona) tamén na mercante ou na emigración.

Pero esa xa é outra historia e outras economías distintas.

De redes e de redeiras


E logo de encascadas había que volver a poñelas a secar, tal e como vemos na foto a Jaime na cabria tendendo e a Juan na buceta dando de man o aparello.
E antes de saír ó mar embarcalas outra vez.

Había outro oficio relacionado con as redes, eran as “redeiras” ou “atadoras”, as encargadas de reparar os aparellos cando rompían, o cal sucedía frecuentemente, pois ou ben por largar moi cerca das pedras ou por recollelos moi cargados, de xebra as máis das veces, de patexo ou algunha vez de peixe, que tamén podía suceder.
.- Hai que ir atar, hai “avaría”.
Esta frase téñolla oído dicir moitas veces a miña bisavoa, que era redeira.
Si a avaría era grande e era durante as primeiras horas da noite, chamábanas a hora que fose, dúas, tres, catro… da madrugada, e aló ían coa súa ferramenta, un banquiño pequeno que era o mesmo tempo o caixón onde levaban as agullas de atar, as plantillas da medida da malla, a navalla, a pedra de afiala, os fíos para atar os aparellos e todo o necesario para telos listos para a marea seguinte ou canto antes, que a veces non daba tempo.
Nesas ocasións, recordo ir a levarlle o almorzo, acompañando a miña avoa, a súa filla, e logo o xantar si a reparación non remataba, a unha casa que está por detrás do garaxe de Román Barros, (a escola pía) e a unas bodegas moi ben feitiñas que hai aínda hoxe na calle Nova, a altura de Portoradeiro, son as que nunha delas, en letras de obra, pon enriba da porta CHALE 29. Teño estado alí vendo como ataban Aurea, avoa de Luis O Vivo, e Teresa Calvo, sentadas no banquiño casi a altura do chan, cas pernas estiradas e suxeitando o aparello ca punta dos pes e aqueles movementos das mas rápidos e precisos, refacendo incluso as partes de rede que faltaban.

Homenaxe ás, que eu saiba, foron as últimas atadoras de Redes.

Aínda que anos despois vin atar tamén a María Eugenia, a muller de Antonio Grande, ela nono facía como profesional, e xa eran outros tempos, os das tarrafas. E esa xa é outra historia.

As bodegas da casca


Había outra operación que era necesario facer cos aparellos.
As redes eran, como xa dixen, de fío de algodón, e en consecuencia brancas, era necesario tinguilas para facelas menos visibles no mar e sobre todo, para conservalas. (Tamén se lle facía antigamente ás velas das lanchas e botes)

Esto facíase nas “bodegas da casca”, onde había unha caldeira na que se quentaba auga, queimando leña debaixo e se fervía casca de piñeiro, facíase así un tinte no que se cocían as redes para que colleran a cor castaña que tiñan.
Esto había que facelo periodicamente, pois ó usalas a diario as redes íaselles lavando a cor e era necesario tinguilas de novo.
Estou vendo ós mariñeiros, cruzar o Pedregal ou subindo as escaleiras da Areamorta, po la calle da Riveira, cada un cás voltas de aparello que lle tocan ó lombo, a boina, as zocas, ou xa despois as botas de goma, en fila cal unha santa compaña, cara as bodegas da casca. Cachete, Tizón, Antonio o Zurdo, Juan Pindanga, Jaime, Campitos, Pirixel, .... Pero este traballo non era dos peores, mentras se cocía o aparello, asábase algún compango no lume e con pan e un pouco viño, e algúns contos, a cousa levabase ben.

Ó acabar a operación baleirábase a caldeira e tirábase a casca ó mar por un desaugue de madeira, que se conserva en parte e que se aprecia na foto, e vertía nas rochas que hai debaixo, que xa tiñan sempre a cor da casca.
Que ben o pasábamos os cativos nadando na auga quente! E despois saiamos tamén encascados, como os aparellos.

22 setembro 2007

As cabrias e as pedras da Areamorta.


Redes visto dende o mar, estaba rodeado das “cabrias” onde se colgaban as redes a secar.


Era este un traballo engadido que tiñan naquel tempo os mariñeiros.
Como os aparellos eran de fío de algodón había que poñelos a secar, para que non se pudriran, cada día ó chegar do mar e voltar a embarcalos antes de saír.

Por eso nas fotos antigas de Redes sempre se ven as cabrias e as redes colgadas bordeando a riveira.

Había na parte alta da praia da Areamorta, contra o barranco, unha franxa de pedras de ata catro ou cinco metros de ancho, onde tiña máis ancho, que eran moi típicas desta praia. Estaban moi traballadas polo mar e eran lisas e redondeadas; no verán estaban quentes do sol e era unha gozada deitarse nelas logo dos prolongados baños que nos dábamos.

Estas pedras foron desaparecendo unhas tapadas polo barro que caeu do barranco e a area que se lle aportou á praia e outras expoliadas, levaronnas nas lanchas para tirarlles os "peixes bravos" (delfíns) e alonxalos así das redes, recordo que viñan tamen lanchas de fora de Redes a buscalas,... unha magoa, porque eran unha seña de identidade da Areamorta.

Alí tonteábamos cas rapazas cando éramos novos, nas sesións de solarium pos baño.

Recordo nos anos cincuenta-sesenta, cando viña o "do ferro bello", viña cun carro e dicía: Compro ferroo, cobre metal, aluminioooo!. Entón os rapaces xuntábamos todo canto ferro bello encontrábamos, levávamosllo e dábanos unhas pesetas por el; que boas eran!. Era moi ben pagado o plomo, que nos adicábamos a buscar entre as pedras da Areamorta, do que caía dos aparellos que se tendían nas cabrias, encontrábamos moito.

As pedras da Areamorta, que tesouro perdido.


Un pobo Mariñeiro.


Esta vila que agora se ve tan turística e chea de veleiros, non foi sempre así.

Fai anos estaba chea de lanchas que se dedicaban a pescar sardiña có arte do "xeito".

Esta é unha arte de pesca selectiva, que consiste en largar unha serie de panos de rede que teñen nun borde corchos e no outro plomos, así cando se largan por popa, quedan formando unha barreira e ó pasar o peixe queda “mallado”, pescase so o peixe que da a medida da malla da rede e o que é menor pasa.
As redes eran dunha anchura de sobre dez ou doce metros e dunha lonxitude de arredor de cen, largábanse aparellos compostos por varias redes formando unha barreira de mil ou mais metros.
As postas facíanse en varios lances e recollidas, de noite (o asexo) ou ó amañecer (o amanexo) e a pesca contabase por milleiros e vendíase por caixas ou por ducias.

Nos anos cincuenta e sesenta aínda había en Redes bastantes lanchas. Podo recordar algunhas como o San Vicente de Vicente do Baleiro, o Imperio e o Galicia de José do Calvo, o San Ramón de Jesús o Cambalete, o Miramebién que non recordo si era do vello Grande, a Marieta que patroneaba Faustino, A Lolita dos Meiriños (O vello Santos e os seus fillos Manolo, Celso, Paco e José formaban a tripulación), o Nonchodigo de Paco Bello,
Desta contabase a seguinte anécdota:
Cando foi dala de alta na Comandancia preguntáronlle:
- Nombre de la lancha.
- Nonchodigo.
- Déjese de tonterías y dígame el nombre de la lancha.
- Nonchodigo.
- Oiga usted o me dice el nombre de la lancha o ….
- Desculpe usted pero o nome da lancha e Nonchodigo” .

Nas tardes do verano, aquelas tardes de sol, sobre as cinco ou as seis, cando se preparaban para ir ao mar atracaban no múelle dez ou doce lanchas, e xuntábase unha morea de xente que parecía aquelo unha festa.
Calculando cinco ou seis tripulantes por cada unha, os cativos que estábamos bañándonos polo muelle, as mulleres dalgúns dos mariñeiros que traían os cestos da comida antes de saír, mais uns cantos que aproveitaban para ir a botar unha parrafada, habería nalgún momento sobre cen persoas. Viñan homes de Limodre, San Juan, San Martiño e por suposto de todo Caamouco.
Aquelo era síntoma de vida, de traballo, de pobo!

Antes de irse enchían os garrafóns de auga fresca na fonte de Portoradeiro, ás veces mandábannos a buscala nun caiuco a algúns dos cativos que andábamos por alí. Recordo unha vez que foramos dous ou tres, éramos novos e non “xinguíamos” moi forte, ó volver sopraba nordeste fresco, andabamos para atrás en vez de avanzar, menos mal que Pallarés estaba pendente e nos botou unha man dende terra que si non…. Que tempos.

Un agarimoso recordo para o amigo Pepe Pallarés.