24 novembro 2009

Era un bodrio, pero ....

Logo de tanto tempo sin vir, máis de cinco meses, é unha triste nova a que me trae por eiquí.

Caeu o Club de Remo, para moitos era o Marítimo, pero para min será sempre o Club de Remo; é dificil cambiar logo de tanto tempo e mañán cumpro a nada despreciable cifra de 58 anos, fifty-eight years old, que diría un british.

Como moi ben se apunta no Caamouconet: ".... o vello local sería feo, invadiría o que fose, estaría vello, .... pero para moitos é unha parte da nosa historia.
Sabemos porqué, como, e quen o fixo .... e o que nos queda por decir é que cumplíu, valéu a pena."

Cantas fins de semana traballando para facelo. Facíase todo, ate se armaban de forma manual os ferros para vigas e columnas, creo recordar que se fixeron á man moitos dos bloques de formigón, alicatar duchas e baños .... todo eso sin ter moita idea, así quedou! Pero cumplíu, valéu a pena, xa que deixa en varias xeracións de "rapaces" recordos e vivencias inolvidables. O tempo pasado alí reparando nas embarcacións, había que remendar nelas continuamente; os entrenos con todas as penalidades que había que pasar para baixar os barcos por aquela rampa de terra, como escorregaba cando estaba mollada da choiva ou cando subías cos pés húmidos!; e meterse ao mar para poñelas a flote, que fría estaba a auga do mar no mes de marzo, dios!; as regatas que, cando eran en Redes, enchían o Pedregal de barcos e xente, todos aqueles equipos saíndo do muelle e enchendo as amarras; e cando había que ir a regatear fóra, xuntarse de madrugada no Pedregal, colocar as embarcacións no teito do autobús, amarralas e sair polo Regueiral arriba para aquelas viaxes interminables a Santander, Bañolas, A Tranquera, Mequinenza, Sevilla, ... que dificil era saír de Galicia, dios!

Quedan tamén os recordos dos moitos momentos vividos con aqueles que xa non están con nós...

Contribuíu a formar a persoalidade, a forma de ver a vida, a camaradeiría, o traballar en equipo e por altruismo, sin esperar nada a cambio, e toda unha serie de valores máis en todos aqueles que pasaron por alí. Por eso penso que "cumplíu, valéu a pena" o facelo e ver alí aquel "espantallo" todos estes anos.

E ademáis, despois de todo non é tan triste a nova que me trae por aqui de volta como pensaba ao empezar a escribir esto. Non é tan triste, xa que van a facer un Club novo e moito máis bonito que o outro. E van a facelo moi rápido, rapidísimo, ... non si?