14 marzo 2009

As rodeiras do carro da vida

Fixástesvos algunha vez na marca das rodas dos carros que hai nas penas que separan as praias da Campa e da Ciscada?.... seguro que si. A min, sempre que as vexo, lévanme a pensar en cantos carros de area e de xebra tiveron que pasar por alí para deixar semellantes rodeiras.
Aínda que hoxe está prohibido, antes sacábase das praias moita area para a construción; e estas dúas, a Campa e a Ciscada (
por certo, as dúas están en Caamouco, a parroquia de Ares empeza ó outro lado do regato da Ciscada), a pesares das rochas que as separan, eran as de máis fácil acceso da bisbarra; por iso eran tan usadas e por iso as rodeiras están de testemuñas mudas do tráfico dos moitos carros que as deixaron.
Así han de ser as rodeiras que vai deixando o carro da vida en nós de tanto ir e vir carretando as alegrías e os desgustos, as glorias e as penas, o bo e o malo de toda a máis ou menos longa existencia de cada un. E así como nos penedos tamén entre nós haberá uns máis duros, nestes a vida deixa poucas rodeiras, e outros máis sensibles nos que a vida vai deixando unha pegada profunda e notable.