24 agosto 2008

A propósito dos 40º aniversarios. 1º

As nosas dúas sociedades deportivas están de cuadraxésimo aniversario. Xa levan as dúas unha longa andadura; aínda que con marchas dispares.

O Club de Tenis cunha traxectoria impecable e uns logros, tanto no orden deportivo coma no social, espectaculares. Impensables cando hai "uns poucos" anos un grupo de cinco rapaces de Redes trataban de emular os logros de Manolo Santana: o seu triunfo en Wimbledon, o número un do mundo, a Copa Davis ....

Era o ano 1.967 cando colocábamos unha corda, a falta de rede, entre unha árbore do Regueiral e un pau no outro extremo, e mentres un se encargaba de arbitrar e de baixa-la corda cando, casualmente, pasaba un coche, os outros dous ou catro, depende, armados cunhas palas de madeira e unha pelota de goma negra, xogaban na estrada. Ate que a pelota, tíñamos so unha, caía no medio do maínzo de María do Raso. Cantas horas temos perdido a buscar a pelotiña.

Pasado un tempo, conscientes das carencias en material, decidiuse formar o que foi o xermolo da actual sociedade, aportando, cada domingo, a cantidade de quince pesetas cada un, para comprar o necesario. Hai que ter en conta que cando empezamos éramos cinco rapaces de catorce a dezasete anos. Esas quince pesetas cada semana, e dez máis si había algún festivo, que tamén “cotizaba”, era unha pasta.

O paso seguinte foi empezar a xogar na praia da Areamorta. Xa, en lugar da corda, colocábamos unha rede artesanal, marcábase a pista na area, tíñamos xa máis pelotas e ate raquetas de tenis. Iso empezaba a funcionar, empezouse a sumar máis xente e unha cousa levou a outra e chegou a celebración do primeiro Campionato de Tenis de Redes, na praia da Areamorta. Dende aquela vense celebrando anualmente cada Agosto.
Logo veu a constitución da sociedade, o aumento do número de socios, a compra do primeiro terreo, a “caseta de Aquilino”, a primeira pista feita polos socios, ....... así ate o que agora temos; e sigue medrando.
Detrás de todo iso está a iniciativa daqueles cinco rapaces de Redes: Ricardo Vales, José J. Vilasánchez, Francisco Carballeira, José Deus e Amando Pérez.

Todos sabemos que algúns deles, dos que quero facer distinción, teñen dedicado moitas horas de traballo para o club e, en consecuencia, para os socios. Grazas.

06 agosto 2008

Benedicto e Bibiano.

Estes días atrás, revolvendo polos caixóns, atopei esta especie de libriño que é recordo dun tempo de reivindicar e protestar, que é o que teñen que facer os mozos. Ainda que hoxe parece que non se practica este sano costume. A mocidade está moi "acomodada".

Como se pode apreciar é de fabricación moi artesanal. E non recordo si o daban ou o vendían nun concerto, diante da igrexa de Pontredeume, de Benedicto e Bibiano.
Eran os últimos coletazos da dictadura, nunha tarde do verán do 74 , cando Benedicto e Bibiano nos ofreceran o concerto "Agora entramos nós".
Asistíramos unha morea de rapaces, e un nutrido grupo de representantes do cuartel da gardacivil da Vila.
A cousa estaba bastante ben organizada, con sillas e todo; empezou a actuación, os asistentes coreábamos as cancións, eran de sobra coñecidas: Soñamos, María Soliña, A campán do pobo, Berros de loita,.... todo foi moi ben ate que chegou a do "Can de palleiro":
¡Ai!, rabioso e vello can de palleiro/ daste conta de que xa vas morrer,/ e non poderás trabar,/ e non poderás morder/ e os teus podridos dentes verás caer/ caer un detrás doutro, verás caer/ até que caia toda a túa dentadura/ a túa forte dentadura viráse abaixo,/ abaixo a dentadura.
Entón os do público empezamos a corear o último estribillo... "Abaixo a dictadura!, Abaixo a dictadura!". Ergueuse o sarxento da Gardacivil facendo cos brazos o xesto de acabouse, e acabouse, saimos dalí todos controlados polos guardias, e non houbo máis.

Naqueles tempos o control sobre "as ideas" era férreo, ... e sobre estes dous? non hai mais que pensar que formaron parte de Voces Ceibes para facerse unha idea.