01 setembro 2008

A propósito dos 40º aniversarios. 2º

A traxectoria do Club Marítimo de Redes non foi tan constante no tempo, nin tan boa nos resultados, como a do Tenis. Pero non por iso deixa de ser meritoria.

Corría o ano 1.965 cando apareceu a traiñeira por Redes.
Era unha vella embarcación que xa coñecera mellores tempos, estaba por algún almacén perdido quen sabe onde, abandonada por algún club que a cambiara por algo mellor. Pero foi a primeira embarcación da que dispuxemos e a que abreu camiño para a "creación" do club.
A “alma mater” de todo isto, neste caso foi Enrique Leite Paz, Ricucho. Foi quen trouxo a barca, quen se encargou de ilusionar aos mozos de Redes para que, primeiro, axudaran a reparar a traiñeira e logo remaran nela. Era adestrador, delegado nas regatas, mestre de obras,…. e ate pano de lágrimas a veces.

A traiñeira reparárase no muelle da Areamorta. Estaban as tracas do forro despegadas das cadernas en moitos sitios. Recravaranse con puntas. Foi un traballo delicado xa que as cadernas eran moi finas e era dificultoso cravar dende fora e que coincidira a punta na caderna.
Logo de reparada, e con algúns kilos máis entre puntas e pintura empezamos a adestrar e compoñer o equipo.
Xa no ano 1.966 obtivéronse as primeiras fichas federativas e empezamos a competir como club Remeros de Redes.
A primeira proba foi a Regata do Xeneralísimo, que se celebraba tódolos anos na Coruña, e nese mesmo ano 1.966 participáramos no Campionato de España, en Santander.

A práctica do remo esixe o ter un local amplo para almacén de embarcacións e útiles. Cando veu a traiñeira, en principio, andábamos con ela en procesión por Redes adiante, deixándoa onde se podía. Ate que fixéramos unha cabana no Castelo e alí a resgardábamos da intemperie.

Pero a meta a conquerir era o remo
olímpico, o de banco móbil. Fixémonos có primeiro outrigger a catro. Estas barcas xa non podían estar á intemperie e tendo a primeira gardabámola, con moitas dificultades para metela, no salón de América. Era unha epopeia sacar e volver a meter a embarcación cada día para adestrar. Había que facelo por unha fiestra, uns por dentro do salón e outros fora, era unha película.
Pensando que facían falta máis embarcación, e en consecuencia máis espacio, xunto con que saíron a subasta pública varias baterías de defensa costeira, entre elas a de Redes, levounos a procura de mercar o Castelo para facer alí o local.

Eran finais do 1.968 cando,
para recadar fondos e poder levar a termino a operación da compra do terreo, fixéronse uns bonos reembolsables de cen pesetas cada un e ofrecéronselle aos veciños. A operación foi un éxito, e practicamente naide esixira o reembolso cando se cumpriu o prazo.
A partir de ese momento, traballando as fins de semana, cos coñecementos que algún tiña e os que deus lle deu a entender a outros, baixo a dirección de Ricucho, fomos facendo o local. E así “de bonito” nos quedou.

Non conseguimos facer máis que un edificio que é claro exemplo do "feismo", o entorno nunca estivo decente, o acceso ao mar é penoso, .... en fin, un desastre.
Pero a pesares de todo iso, O Remo deunos moitas satisfaccións e ensinounos a coñecer a práctica do deporte e participar en Campionatos de España e outras competicións, a unha morea de rapaces.

Un pobo pequeno, como é Redes, ten dúas sociedades deportivas, dende fai máis de corenta anos. O Tenis e O Remo.