21 marzo 2008

O día da árbore.

Comeza a primavera, a estación do ano preferida por moita xente, cando mornean as temperaturas e todo reverdece e brota de novo a natureza en todo o seu esplendor nas follas e flores das plantas antes do madurador verán.
A lo menos antes era así, nos últimos anos eso está cambiando algo e eu teño as miñas dubidas de si será, como din, o cambio climático ou será producto dun ciclo climatolóxico natural como se sabe que aconteceron outros en épocas pasadas.

De tódalas maneiras, no meu pouco entender, non é que negue o cambio, pero querendo ser racional, non me parece crible que se fora a producir un cambio tan radical, en tan pouco tempo, o efecto producto da contaminación provocada pola humanidade ten que ser, ou está sendo gradual, tal e como se vai acumulando a porquería que tiramos ó aire, os mares, os ríos, .... Faise dificil asimilar que séxamos capaces de ter tal poder de influencia sobre a natureza.

Ben! … deixando a parte esta digresión, e remarcando que estamos contaminando mais do convinte e que é moi urxente e necesario que tomemos medidas, mudemos de tema.

O que eu quería comentar é que este tempo recórdame as celebracións que todolos anos se facían da festa da árbore na Tenencia.

Viña aquel home que tanto sabía de eso, Don Federico, e dábanos unha charla sobre o tema, repetía as normas para plantar ben unha árbore cá súa meticulosidade e procedíase a planta-la árbore no patio de recreo da escola, baixo a súa direción, mentres se cantaba o consabido "Himno al árbol":

Cantemos al árbol que voy a plantar.
¡Si Dios lo protege del hombre y del viento,
salud y riqueza dará!
salud y riqueza dará!.
Para el aire puro,
campestres aromas;
para el caminante,
regalada sombra.
Templará los rayos de la luz del sol;
por entre sus ramas
harán las aves
sus nidos de amor.
Cantemos al árbol
que voy a plantar.
¡Si Dios lo protege del hombre y del viento
salud y riqueza dará!
salud y riqueza dará!.

Uno para el otro,
los dos viviremos;

él se irá elevando
y yo iré creciendo
y si triste y solo llego a morir,
dejaré en el mundo
un árbol siquiera
plantado por mí.
Cantemos al árbol
con voces de paz y amor.
¡Defiéndalo el hombre!.
¡Protéjalo Dios!.
.

Era un día de festa para a comunidade escolar, vivíase no patio ó aire libre, cantábase, xogábase e aproveitábase a ocasión para agasallar a os alumnos sobresaíntes perante o curso facéndolle entrega dun pequeno regalo de recordo. Quedoume marcado un ano que o regalo era unha pluma estilográfica moi bonita e barallarabase a dubida de si o regalo lle correspondería a un bo amigo meu ou a min e ó final correspondeulle a el, considero que xustamente xa que, como teño mencionado, eu son consciente de non ser moi bo estudante naquela época.

Son desas cousas que che quedan gardadas.

Por certo, que a celebración declarouse obrigatoria por un R.D. do 1915 que consta neste libro.


15 marzo 2008

Os contos de Carballeira.

Ós seis ou sete anos deixabamos a escola de Margarita e empezabamos na escola Nova, a Tenencia. Ese xa era un ascenso, xa eras grande.
E na escola Nova estaba de mestre Carballeira, D. José Carballeira Sardiña ex alférez provisional da Guerra Civil.

Eran aqueles penúltimos anos das escolas unitarias, onde estabamos xuntos e ademais revoltos alumnos de tódalas idades e tamaños, aquilo era unha miscelánea, un popurrí, unha mestura de rapaces divididos en creo que tres grupos, non moi homoxéneos nos seus coñecementos, segundo o suposto curso que estudiabamos nunhas enciclopedias de Dalmau que creo recordar, … parece que me sona algo de Primer grado, Grado medio e Grado superior. Ou algo similar, que tampouco importa demasiado.

O asunto é que un só mestre para atender a tódolos rapaces de Caamouco xa é de supoñer cal sería o resultado de semellante ensinanza, eu teño o recordo de sabe-la lección un día (os demais días imaxino que non sabería nada ou case nada, por eso me acordo dun día que a souben) e como premio da miña sapiencia o mestre perdooulles a tódolos que estaban castigados por non sabela.

O castigo por esa falta era poñerse de xeonllos, os que non ían sabendo a lección, de costas contra a balaustrada que cerraba a tarima semicircular na que estaba a mesa do mestre, sacando as pernas por atrás entre os balaústres. O final, cando xa non había ocos baleiros na balaustrada pasaba Carballeira coa vara por diante e zorregaba a canda súa ración de vareadas nas mans. Ou pasaba por atrás e as vareadas eran nas pernas, non sei de que dependía, pero así era. Ese foi o castigo do que eu, que me sentín heroe por un día, salvei ós castigados daquela.

O de “a letra con sangue entra” practicábase moito entón nas escolas, había un abuso da violencia que si se lle conta ós rapaces de hoxe nono creen, por sorte para eles. Había vara por calquera cousa, que si chegabas tarde vara, que si non sabías vara, si te pasabas de listo vara tamén, si había revisión de unllas vareada nelas para os que as tiñan sen cortar ou sucias.

Todo se trataba de ensinar a paos, e así nos lucía, que non saímos mais brutos por non ir mais tempo á escola.

Temos quedado castigados sen ir a comer ó mediodía. Que crueldade con cativos de nove ou dez anos, deixalos encerrados sen ir a comer por calquera trasnada ou tolería. Recordo nun destes días que nos quedamos sen ir a comer que nos puxemos a xogar ó fútbol cá esfera de madeira que formaba parte dun conxunto de figuras xeométricas, o cono, a pirámide, os prismas, … e a esfera, tan redondiña e tentadora.
Non sei quen foi o da idea, Fernando Bouza tal vez, ou calquera, o caso e que botamos a esfera no chan e a xoga-lo partido no medio da aula ….
a esfera pasaba de pé en pé collendo cada vez máis velocidade, cando dun certeiro punteirazo saíu voando e parou contra o vidro dunha ventá que non resistiu o golpe e saltou feito anacos.

Bos recordos daqueles anos de escola? … algúns sempre quedan. Os poucos momentos, sempre se facían poucos, que se podía escribir naquelas máquinas da época dos fundadores da escola, ou escribir con pluma e tinteiro copiando daqueles manuscritos as fábulas de Samaniego: La zorra y el busto. Dijo la Zorra al Busto, / Después de olerlo:/ «Tu cabeza es hermosa, /Pero sin seso» / Como éste hay muchos, / Que aunque parecen hombres, / sólo son bustos.

Ou a poesía de Calderón de la Barca: "Cuentan de un sabio que un día / tan pobre y mísero estaba,/ que sólo se sustentaba / de unas hierbas que cogía.
¿Habrá otro, entre sí decía,/ más pobre y triste que yo?;/ y cuando el rostro volvió / halló la respuesta, viendo / que otro sabio iba cogiendo / las hierbas que él arrojó."

Cando se sacaban os pupitres para fóra e se rascaban con cristais para borrárlle-las manchas de tinta, ou cando tocaba arranxar os xardíns, aqueles xardinciños de formas xeométricas con camiños entre eles e cerrados de buxo ben recortadiño, que estaban asignados cada un a un grupo de alumnos o cal se encargaba de coidalo e abastecelo de plantas. Cando chegabas de novo á escola unha das metas era que te admitiran nalgún xardín, e había categorías, algúns eran inalcanzables, estaban copados polos grupos de mais influencia e había que ir ascendendo e facendo méritos para poder chegar a formar parte deses grupos.

Pero recordo sobre todo as tardes dos tan esperados contos de Carballeira. Aqueles contos de Ojodehalcón, que tiña unha vista que traspasaba tódolos obstáculos e alcanzaba ó infinito e tiña unha precisión que lle permitía ver unha agulla nun palleiro a moitos kilómetros de distancia, e Puñodehierro, que daba uns puñazos no estómago dos seus adversarios que lles saía o puño polas costas e sacaba a man toda ensanguentada e lavábaa nun caldeiro e …. que brutalidade.

Aqueles contos tan violentos que él improvisaba sobre a marcha e que nos tiñan a todos atentos durante toda unha tarde de clase, non se oía unha mosca na escola.

E logo din que os cativos de hoxe son violentos polo que ven na TV. E os daqueles anos que oíamos os contos de Carballeira, que? como teríamos que ser?

E aínda estamos aquí para contalo. Non sei como nos logramos!

10 marzo 2008

Día da clase obreira galega

O día 10 de Marzo ten un significado historico para a clase obreira e en especial para a galega.
Ese día do ano 1.972, cando a dictadura daba as penúltimas boqueadas ainda ensinou os dentes dando un bocado mortal a dous traballadores da Bazán.
AMADOR E DANIEL


Erguéstesvos cedo aquel día.
A costume do traballo, mañá cediño
pra facernos coa vosa morte.

Uxio Novoneyra.

Sabías que naqueles días estaban uns barcos da marina de guerra preparados para bombardear o puente das Pías si os traballadores de Astano e os de Bazán trataban de xuntarse?, tiñan medo de non ser capaces de controla-los. Había ate unha ametralladora emplazada no campanario da igrexa do Pilar, có consentimento do cura tería que ser.
Eu tiña 20 anos, era traballador de Astano e daquela estaba facendo a mili no parque de bombeiros do Arsenal Militar. Estábamos os bombeiros pendentes de que nos diran a orde de sair có camión-bomba a botarlles auga a presión ós traballadores; que disparate.
Imaxinaste as cousas que se che pasan pola cabeza nun momento así? E meu pai traballaba na Bazán, e si me encontraba de frente con meu pai? Ou con amigos ou coñecidos e incluso con compañeiros de traballo. Que actitude podería adoptar en esas circunstancias un rapaz de 20 anos, que si ben tiña moi craras as ideas en canto á situación política, víase sometido a presión e o lavado de cerebro que nos facían na mili.

As que nos teñen feito non se poden pagar. E que despois algúns se deran de demócratas .....