Fai uns cantos anos, tal noite coma a de hoxe, a rapazada adicábamonos a "correr o ano vello".
Era un costume moi arcaico, que mirado dende o punto de vista de hoxe dá risa e un puntiño de mágoa.
Consistía o asunto, para quen non o saiba, en recorrer as rúas e camiños da parroquia en pandilla, armados con latas, potas vellas, caldeiros de ferro, todo o que puidese facer ruído, petándolles con un pau ou un ferro para que fixeran canto máis ruído mellor, iso era o fundamental, que soaran ben forte para escorrentar o ano vello e darlle a benvida ao novo.
Para imaxinarse o que era hai que situarse no Caamouco de mediados do século pasado, iso do século pasado soa a moi vello, certo?, as rúas de Redes non estaban pavimentadas, e moito menos os camiños do resto de Caamouco, non había alumeado público a non ser algunha que outra luz morteciña; o habitual era que, como correspondía, fixera mal tempo con vento, frío e auga. E por aí andábamos nós metendo os zapatóns nas poceiras e regueiros da choiva, tropezando coas pedras e tropezando entre nós mesmos do pouco que se vía, tocando nas latas como energúmenos e procurando, como dixen, facer canto máis ruído mellor.
Este é outro dos costumes que, como outros moitos, se perdeu xa hai tempo; a verdade é que con este non se perdeu nada que botar de menos. Díos, que ruído armábamos co demo das latas!
QUE O ANO QUE EMPEZA SEXA O MELLOR POSIBLE PARA TODOS!!.