15 decembro 2008

O lago de Bañolas

Como dicía nunha das anteriores entradas, o remo valeunos a moitos para "coñecer mundo" a unhas idades e nun momento no que non era frecuente sair de Galicia (estou vendo o Pedrafita dos anos sesenta, unha odisea).

No mes de Xullo do ano 1.968 un equipo xuvenil de outrigger a catro con patrón do Club Marítimo de Redes participou por primeira vez no Campionato de España de banco móbil, que se celebrou en Bañolas, Gerona.

Salorio,Toto,Nel,JoséDeus,Amando.

Foi unha experiencia para recordar. Non foi solo o de ir a unha viaxe tan longa, tan lonxe da casa, toda unha semana! aos 16 anos!.
O coñecer Cataluña, aínda que solo fora de pasada, fíxonos reparar en que era algo distinto e distante do mundo por nós coñecido, Galicia.
O paso por Barcelona e a súa area de influenza, o Mediterráneo visto a través da ventaíña dun autobús, Canet de mar, Calella, … cantos "turistas", canto movemento de coches, trens, xente dirixíndose as praias, un mar tan azul nun día de sol mediterráneo. Era todo tan distinto.

Pero nós ao que íamos era e remar, así que deixamos a Costa Brava cando empezábamos a descubrila e subimos cara a Gerona. Xa pasada esta abandonamos a estrada da Junquera para encamiñarnos a Bañolas.

O lago de Bañolas, que impresión, era como chegar ao paraíso do remo. A lonxitude ideal, as augas calmiñas ¡e mornas! estaban a temperatura ambiente, o fondo calizo que lle daba un azul a auga que non vin outro igual, a arboreda que bordea o lago, a herba chegando ate a veira.
Logo xa as condicións para a práctica do remo ideais, pantaláns e embarcadoiros de madeira a altura idónea, para embarcar non tíñamos que mollar os pés coma na punta do Castillo, unha superficie ampla e chaíña de herba para pousar e preparar os barcos. A convivencia con equipos doutros sitios, só de velos xa aprendías algo.
O Club Natación Bañolas era o anfitrión deses Campionatos, as súas instalacións eran impresionantes, a piscina cuberta e climatizada, o almacén de embarcacións cheiño de barcos e de remos do melloriño.
Por certo, o noso bote destacaba entre os outros, e non por ser o mellor...pero o que si destacaba por ser o mellor era o noso timonel.
Remábamos polo lago a volta dunha das regatas cando se enredou no timon unha das cordas de manexalo. Nin corto nin perezoso Salorio díxonos que aguantaramos o bote sin mover os remos, púxose depé e andando coma un equilibrista de circo chegou ate a popa desliou a corda e volveu a sentarse, todo esto serio, sin facer un xesto, mentras os das outras embarcacións que estaban nas proximidades miraban asombrados.

Teño o recordo de ver a xente de Bañolas, o domingo ao sair da misa ao mediodía, nunha praza bailando en grupo a Sardana.
As rapazas catalanas, eso si, falaban en Catalán. Unha magoa...


Aloxáramonos no Hostal La República. Curioso o nome, non? ... e moi significativo!

Unha viaxe para a lembranza.

2 comentarios:

Meni-Girl dixo...

Moitas gracias por subi-lo arquivo fotográfico de Carmela Sarmiento, fíxome moita ilusión porque a maioría das fotos (a parte da do Bus Escolar) non as coñecía.

Anónimo dixo...

Quédome sen palabras coas que poder escribir, a ledicía inúndeme neste universo de redes fusionadas,e nun momento de sinceridade,séntome moi ledo de saber de onde veño.Intentemos que os recordos queden tan recentes que deixen de ser recordos,e os xuntemos nun todo, onde unhos estamos e outros xa non, se antés te quería agora moito máis e conta que non te vou perder de vista.