04 decembro 2007

Mestres

Na vida dunha persoa son importantes os mestres que lle tocan. Eu tiven a sorte de ser alumno dalgúns bos mestres.

Lendo no xornal algo dó ceramista Fran Pérez Porto espertan en min as lembranzas de toda unha serie de vivencias dún tempo importante da miña vida.

Corría o verán do ano 1.96o e pico, era eu un rapaz de 15 anos, estudiante do bacharelato cuns resultados aceptables, cando un día meus pais plantexáronme a posibilidade de presentarme ó exame de aprendiz para Astano, que era unha das saídas laborais que había para os rapaces da bisbarra. Colleume de sorpresa a proposta e non sabía que responder, ti preséntaste e si aprobas xa pensarás si aceptas ou non, dixéronme.

Con esa idea presentei a solicitude e esquecinme totalmente do tema somerxido nun tempo de verán, de xuventude, de deporte, de praia, dos primeiros tonteos coas rapazas dun adolescente sen preocupacións nin obrigacións maiores.

Unha desas tardes na praia da Areamorta veume avisar un amigo, que te chama don Andrés, que vaias alí agora mesmo. Que me quererá, pensaba eu mentres ía cara á casiña que está xusto enriba do muelle da Areamorta, sóbese por unhas escaleiriñas moi estreitas e moi longas, alí daba el as súas clases particulares.

Cando cheguei onda el, miúda me armou! Non tes sentido nin responsabilidade ningunha! Maña un exame e perdendo o tempo na praia en vez de estar estudiando! …. Non sabía de que me falaba, e como veu a miña cara de estrañeza díxome, pero ti non sabes que o exame para Astano é maña? Non señor, eu non o sabía. Pois veña, imos a repasar os temas que poden saír na proba. E así me tivo todo o resto da tarde e ate a noitiña, estudiando.
Ó día seguinte aprobei o exame gracias a que D. Andrés Freire López, era mestre, preocupouse do que a min nin se me pasaba pola cabeza, sin o seu aviso seguramente nin iría a facer a proba.

Logo, xa nin me acordei do que me plantexara meu pai, de si aceptar ou non a praza, deixeime levar e entrei a formar parte do alumnado da Escola de Aprendices de Astano, tomando así a miña vida unha dirección determinante no devir do meu futuro e da miña, daquela, futura familia.

Era o Astano dos metaneiros, Laieta, e os superpetroleiros, Arteaga, Butrón, Santa María,..
O primeiro día de madruga obreira, esperando o bus do Ideal Gallego no Carballo, (moitas mañás de frío e auga teño no recordo), no medio dos homes que ían para o choio, mareeime no bus, botei o almorzo fora e cheguei ó meu primeiro día de traballo feito unha piltrafa humana.

E alí, na escola de aprendices coñecín a D. Xosé Mª Pérez Parallé, era mestre dos aprendices do primeiro curso e encargado da escola. Alto, pero menos do que parecía por ser seco de figura e moi dereito nos andares, pelo branco debaixo da boina, bigote fino, amable e ... que vou dicir, probe de min, de Parallé que non estea xa dito. Agradecerlle certas directrices e liñas que el definiu nun momento transcendental e que axudan a que a vida dun adolescente tome unha determinada dirección , e en boa medida a adición á lectura, pois gracias a el e os seus comentarios fíxenme socio do Círculo de Lectores, e ámbalas dúas cousas foron importantes na miña vida.

Estes dous homes merecen o meu agradecemento, moitas gracias mestres.

Ningún comentario: