15 marzo 2008

Os contos de Carballeira.

Ós seis ou sete anos deixabamos a escola de Margarita e empezabamos na escola Nova, a Tenencia. Ese xa era un ascenso, xa eras grande.
E na escola Nova estaba de mestre Carballeira, D. José Carballeira Sardiña ex alférez provisional da Guerra Civil.

Eran aqueles penúltimos anos das escolas unitarias, onde estabamos xuntos e ademais revoltos alumnos de tódalas idades e tamaños, aquilo era unha miscelánea, un popurrí, unha mestura de rapaces divididos en creo que tres grupos, non moi homoxéneos nos seus coñecementos, segundo o suposto curso que estudiabamos nunhas enciclopedias de Dalmau que creo recordar, … parece que me sona algo de Primer grado, Grado medio e Grado superior. Ou algo similar, que tampouco importa demasiado.

O asunto é que un só mestre para atender a tódolos rapaces de Caamouco xa é de supoñer cal sería o resultado de semellante ensinanza, eu teño o recordo de sabe-la lección un día (os demais días imaxino que non sabería nada ou case nada, por eso me acordo dun día que a souben) e como premio da miña sapiencia o mestre perdooulles a tódolos que estaban castigados por non sabela.

O castigo por esa falta era poñerse de xeonllos, os que non ían sabendo a lección, de costas contra a balaustrada que cerraba a tarima semicircular na que estaba a mesa do mestre, sacando as pernas por atrás entre os balaústres. O final, cando xa non había ocos baleiros na balaustrada pasaba Carballeira coa vara por diante e zorregaba a canda súa ración de vareadas nas mans. Ou pasaba por atrás e as vareadas eran nas pernas, non sei de que dependía, pero así era. Ese foi o castigo do que eu, que me sentín heroe por un día, salvei ós castigados daquela.

O de “a letra con sangue entra” practicábase moito entón nas escolas, había un abuso da violencia que si se lle conta ós rapaces de hoxe nono creen, por sorte para eles. Había vara por calquera cousa, que si chegabas tarde vara, que si non sabías vara, si te pasabas de listo vara tamén, si había revisión de unllas vareada nelas para os que as tiñan sen cortar ou sucias.

Todo se trataba de ensinar a paos, e así nos lucía, que non saímos mais brutos por non ir mais tempo á escola.

Temos quedado castigados sen ir a comer ó mediodía. Que crueldade con cativos de nove ou dez anos, deixalos encerrados sen ir a comer por calquera trasnada ou tolería. Recordo nun destes días que nos quedamos sen ir a comer que nos puxemos a xogar ó fútbol cá esfera de madeira que formaba parte dun conxunto de figuras xeométricas, o cono, a pirámide, os prismas, … e a esfera, tan redondiña e tentadora.
Non sei quen foi o da idea, Fernando Bouza tal vez, ou calquera, o caso e que botamos a esfera no chan e a xoga-lo partido no medio da aula ….
a esfera pasaba de pé en pé collendo cada vez máis velocidade, cando dun certeiro punteirazo saíu voando e parou contra o vidro dunha ventá que non resistiu o golpe e saltou feito anacos.

Bos recordos daqueles anos de escola? … algúns sempre quedan. Os poucos momentos, sempre se facían poucos, que se podía escribir naquelas máquinas da época dos fundadores da escola, ou escribir con pluma e tinteiro copiando daqueles manuscritos as fábulas de Samaniego: La zorra y el busto. Dijo la Zorra al Busto, / Después de olerlo:/ «Tu cabeza es hermosa, /Pero sin seso» / Como éste hay muchos, / Que aunque parecen hombres, / sólo son bustos.

Ou a poesía de Calderón de la Barca: "Cuentan de un sabio que un día / tan pobre y mísero estaba,/ que sólo se sustentaba / de unas hierbas que cogía.
¿Habrá otro, entre sí decía,/ más pobre y triste que yo?;/ y cuando el rostro volvió / halló la respuesta, viendo / que otro sabio iba cogiendo / las hierbas que él arrojó."

Cando se sacaban os pupitres para fóra e se rascaban con cristais para borrárlle-las manchas de tinta, ou cando tocaba arranxar os xardíns, aqueles xardinciños de formas xeométricas con camiños entre eles e cerrados de buxo ben recortadiño, que estaban asignados cada un a un grupo de alumnos o cal se encargaba de coidalo e abastecelo de plantas. Cando chegabas de novo á escola unha das metas era que te admitiran nalgún xardín, e había categorías, algúns eran inalcanzables, estaban copados polos grupos de mais influencia e había que ir ascendendo e facendo méritos para poder chegar a formar parte deses grupos.

Pero recordo sobre todo as tardes dos tan esperados contos de Carballeira. Aqueles contos de Ojodehalcón, que tiña unha vista que traspasaba tódolos obstáculos e alcanzaba ó infinito e tiña unha precisión que lle permitía ver unha agulla nun palleiro a moitos kilómetros de distancia, e Puñodehierro, que daba uns puñazos no estómago dos seus adversarios que lles saía o puño polas costas e sacaba a man toda ensanguentada e lavábaa nun caldeiro e …. que brutalidade.

Aqueles contos tan violentos que él improvisaba sobre a marcha e que nos tiñan a todos atentos durante toda unha tarde de clase, non se oía unha mosca na escola.

E logo din que os cativos de hoxe son violentos polo que ven na TV. E os daqueles anos que oíamos os contos de Carballeira, que? como teríamos que ser?

E aínda estamos aquí para contalo. Non sei como nos logramos!

Ningún comentario: