01 junio 2008

Don Cirilo.

Dicía na entrada anterior que en Redes tamén tivemos médico.


No meu recordo quedan dous doutores en medicina que consultaran en
este pobo. O último, ou sexa o máis recente, D. Manuel Carballo, vivía en Ares e viña a pasar consulta no "Pósito"; foi ate os anos setenta, a partires de aí a xente de Redes asiste a consulta médica a Ares.

Supoño que antes habería outros, pero o primeiro médico que eu recordo en Redes foi D. Cirilo Pérez. Vivía ca súa familia e consultaba nesa casa da foto, a que ten esa inmensa galería tan
fermosa hoxe
tristemente desaparecida; detrás desa galería estaba a consulta.

No meu recordo véxome nela, nos primeiros anos cincuenta, sentado na camilla e vendo o mar dun fermoso día de verán polos cristais da galería; estaba eu acompañado do meu pai, que me levara para que don Cirilo me fixera unha delicada operación nunha orella que saíra “cun defecto”, tiña un cachiño de sobra. Recordo como o doutor me entretivo cuns prospectos de menciñas para, mentrastanto, poder facelo seu traballo sin que eu protestara.

Don Cirilo, neses anos era xa un home pode que cincuentón, con bastante “humanidade”, cara amplia, mofletuda, risoña sempre, sempre amable e atento, có seu maletín disposto e a punto para desempeñar a súa profesión cando fora preciso, a calquera hora.

Contáronme moitas veces que o día que nacín fórono chamar, veu ate a casa, recoñeceu a miña nai e veu que a cousa estaba ben e que había que esperar un pouco. Como era a hora de xantar dixo que ía a súa casa, xantaba e volvía; pero baixando as escaleiras para se ir veu que, na cociña, estaba miña aboa facendo o caldo e mudou de idea, sentouse, puxeronlle un prato e xa se quedou a comer alí un bo prato de caldo.

El era así habitualmente, era a súa forma de ser. Era un médico dos de verdade de familia e que eran como da familia. Xa nos gustaría que fosen así os de hoxe en día, xa!.