16 febreiro 2009

Unha de palleiros

Como dicía o outro "xa non hai palleiros".
Pois non, por aquí xa non se sementa o trigo e xa non se fan palleiros; xa non se ven aquelas maxestosas montañas amarelas cando a palla era aínda fresca e dun branco ás veces xa podrecido cando se ían tornando vellos. No palleiro durmía o can, furaban os gatos para faceren os seus niños, aniñaban e poñían as galiñas naqueles niños descontrolados que aparecían logo con aquela fartura de ovos inesperados, e tamén xogaban os cativos.

Ós cativos sempre lles gustou moito xogar nos palleiros, subir ate o seu cumio e logo lanzarse ladeira abaixo, escavar unha cova na palla e esconderse nela…. Daban moito xogo os palleiros.

Tamén lles gustou sempre moito a os cativos o lume. Ter unha caixa de mistos, xa non digamos un chisqueiro, era motivo de orgullo.

O perigoso é cando se xuntan cativos con lume ó pé dun palleiro.

En Redes, na casa de María do Raso, sempre había un fermoso palleiro na aira; estaba situado nun recuncho que quedaba entre o hórreo, a muralla do patio da casa onde vivía antigamente Enrique o carteiro (hoxe a de Emilita) e a traseira da casa de Filá, onde vivían Pepe Rubianes e Manola.

Certo día da segunda metade dos anos cincuenta, á tardiña, na esquina que quedaba entre o palleiro a muralla e a casa xa ditas, xuntámonos catro amigos, como xa fixéramos outras veces, para os xogos e contos propios daquelas nosas curtas idades, teríamos entre seis e oito anos calculo eu; a diferenza era que aquel día un de nós tiña unha caixa de mistos. Aquilo estivo a punto de converterse nunha traxedia.

O palleiro estaba separado das paredes que o rodeaban o xusto para poder pasar e deixaba na esquina un espazo no que malamente cabíamos. Cando nos demos conta a palla estaba ardendo, e a que velocidade e con que rapidez avanza o lume na palla; tres de nós saímos daquela trampa como puidemos, pero un quedou atrapado na esquina polo lume e non era capaz de saír.

Foi unha sorte que Enrique estivera cerca e se dera conta do que acontecía. Colleuno e levantouno dende o outro lado do muro, era un muro de pedras que tiña pouco máis dun metro de alto, e pasouno para o seu patio namentres nós, tres cativos aterrados, mirábamos sen poder facer nada.

Aquel día Enrique salvoulle a vida a Xarré. Juan Luis (Xarré), o fillo de Juan e Rorucha, saiu cunhas cantas queimaduras sen maior importancia. Uns anos despois emigrou para Venezuela cos seus pais e por alá segue el e maila súa irmá, María José.

E o palleiro de María do Raso aínda volveu a arder uns cantos anos despois nunhas circunstancias moi parecidas. Palla, lume e cativos xuntos outra vez.


3 comentarios:

Anónimo dixo...

Pois si que ardeu. De feito eu sabía do outro incendio, froito como o teu da xuntanza de palla, nenos e mistos. Aquel que eu recorde foi obra de Roberto e Tonucho, se non me trabuco. Fora moito, ata viñeran os bombeiros de Ferrol. Claro, cando chegaron xa non había que apagar. Moito ten sufrido María do Raso co condanado lume e os condanados nenos.

O do Curbeiro

Anónimo dixo...

Oes, importache que subamos esta historia, que todas impagable, ao WIKI de Caamouco.net???

O do Curbeiro

DeRedes dixo...

Podedes subir o que queirades, como non, encantado.
Por certo, díxome Miguel que quería poñer na do Marítimo o post de Bañolas, de momento ainda non o puxo, pero por suposto tamén dixen que me parecía moi ben que pasase a formar parte da memoria do club.