05 novembro 2020

O muelle da Areamorta

Mentres un e novo non ten tempo para pararse a mirar para atrás, todo é correr para adiante, con moita présa, tratar de facer moitas cousas, de estar en moitos sitios, e si fose posible en máis de un á vez... Ate que pasan os anos e te paras un pouco, e empezas a fixarte un algo máis no que tés ao teu arredor. É moi interesante revolver nos papeis e retratos antigos que adoita haber en tódalas casas. Repasar vellas escrituras e testamentos e fixarse nas datas e nos acontecementos familiares que nos mostran estas, axúdanos a situarnos no entorno no que nos movemos, a descubrir relacións de parentesco que ao mellor descoñecíamos. Nun entorno tan pequeno, como é esta parroquia de Caamouco, os lazos familiares que unen a uns veciños con outros e a estes cuns terceiros forman unha rede que acaba abarcando á practica totalidade da comunidade.
É moi interesante percorrer estes fíos. Na parede do comedor da casa da miña avoa hai, (alí seguen estando, logo de moitos anos; na "súa" parede) dous retratos, un home e unha muller inda mozos e cun certo aire de parecido entre eles. Teño preguntado moitas veces e téñenme dito outras tantas: "son José e Josefa, os meus bisavós", dicíame miña nai. Eu seguía preguntando "e logo, non son irmáns?". "Non, son matrimonio". O home do retrato foi un dos que, como outros moitos, contribueu a tecer esta rede. José Antonio Deus Mártinez casado en primeiras núpcias con Antonia Josefa López Vilar, e en segundas con Manuela Fernández Varela. Dos seus dous matrimonios naceron tres fillos e catro fillas entre os anos 1.869 e 1.883. Cinco xeneracións despois queda en Redes unha númerosa descendencia del. Do que puidemos saber de José Antonio Deus Mártinez (1.837/1.894) o máis salientable é que, según se di na familia, foi alcalde de Ares. E que foi durante o seu goberno municipal a tramitación e execución da obra da rampla da praia da Areamorta. Si ben cotexando os papeis que forman o Expediente sobre la recomposición del camino y rampa de Carreiro da Areamorta" vemos que quen firma como alcalde accidental é Andrés Lobeira. O mencionado expedente componse de: Certificado da acta de aprobación da obra en sesión plenaria do concello, celebrada o día 13 de Xaneiro de 1.884; do informe das condicións que tería que reunir a rampa, feito por un mestre canteiro no 2 de xuño do mesmo ano. "Reparaciones precisas para el transito de la playa de Redes denominado Carreiro da Areamorta"; do plego de condición da subasta da obra e prazos de execución da mesma, datado o 21 do mesmo mes; hai tamén unha acta de subasta do 30 de xuño, onde se indica que o concurso foi declarado deserto ao non presentarse, no prazo estipulado, ningún licitador. Pero que, non obstante, encontrándose na sala Don Leonardo López Vázques, este comprométese a acometer e finalizar a obra nas condicións que se acordan. Da comunicación da finalización desta dá conta o señor alcalde en sesión do 26 de outubro, catro meses despois. Designase neste pleno unha comisión encargada de "reconocer" ditas obras e informar; a comisión está formada por tres señores, sendo un deles Don José Antonio Deus, mentras segue sendo alcalde accidental Andrés Lobeira. O que índica que, en ese momento polo menos, José A. Deus non era o alcalde de Ares.

Ao marxe de todo isto é de destacar a vital importancia para o pobo de Redes, e por extensión para Caamouco, desta obra que hoxe nos parece insignificante. A xente de Redes usaba as lanchas tanto para as súas actividades laborais, como para desprazamentos comerciais, de lecer, ou doutra índole. Traíanse por mar os enseres, mobiliario e todo tipo de suministros necesarios. Tamén se facía por mar dende a asistencia a consultas médicas ate ás festas tanto a Pontedeume como a Sada, Betanzos, ou A Coruña. De aí que o acceso dos medios de transporte e distribución de mercancías dende e ate a ribeira fora fundamental. A documentación fotográfica de que dispoñemos móstranos que, daquela, no que hoxe é a Avda. Gaspar Rodríguez, no tramo que baixa dende a rúa do Medio ate o Pedregal, eran dúas rúas (a actual de Abaixo e outra rúa, parece que chamada do Pedregal), e no medio das dúas había unha ringleira de casas, talk e como se aprecia nesta foto do Pedregal.

Estas rúas, que chegaban ate a riveira, eran dunha anchura insuficiente para achegar ate o mar os medios de transporte utilizados daquela, fundamentalmente carros de bois ou vacas. Por outra banda a praza do Campo era o foro público e punto principal de reunión, e por tanto o sitio mais axeitado do que se dispoñía para depositar e proceder á distribución dos productos e mercancías que chegaban a Redes polo mar, xa que o Pedregal, daquela, era unha ribeira e as preamares chegaban case ó pé das casas e, en consecuencia, non permitía o seu uso como praza. Estas circunstancias fixeron necesaria na Areamorta unha infraestructura que facilitase a manobra de carga, descarga e acarrexo das mercadurías dende este punto de atraque e desembarco ate o punto de distribución e reparto, que era a praza do Campo. Como resumo de todo isto temos: que parece que o tataravó José Antonio Deus non era alcalde senón concelleiro nese momento. Si ben, como o mencionado expedente pon no seu título, estes traballos foron de "recomposición" da rampa, non di de construcción,.... e posible que cando se fixo por primeira vez el fora o alcalde?.

O cal non ten maior importancia. O interesante é constatar, mirando nos "papeis vellos", a existencia das persoas, e as obras que foron deixando no seu paso polo mundo os nosos antergos.

Ningún comentario: