05 novembro 2020

Señoritas de caldo á merenda.


Contábame miña nai que, cando ela e a súa irmá xemelga eran mociñas, as rapazas de por aquí, cando aqueles bailes que se celebraban no club, chamaban a atención do ben vestidas e amañadas que ían. Había de ser porque, a que máis e a que menos, tiña algún familiar en Cuba, o pai, un irmán, ...., e mandaban un diñeiro que daba ás familias un alento e sin ese apoio non sería posible.
Pois contábame ela, que nunha ocasión pediulles baile un rapaz de fóra, e como elas estaban acompañadas dos mozos que naquel momento non debían de estar ao seu lado, dixéronlle que non; e díxolles el con cara de ofendido: Mira para aí!, as señoritas de caldo á merenda!.
O cal foi motivo de risas e bromas para moito tempo entre as dúas xemelgas. Pois o que menos se imaxinaba aquel mozo era que a elas, que non tiñan pereza para esas cousas, en calquera momento, ocurríaselles, e facían unha ola de caldo para a merenda.

Así eran as Chefas, que xa de maiores, aplicando o dito coma unha especie de cura de humildade recoñecíanse como señoritas de caldo á merenda.

E falando de caldo, xa na miña nenez, aló nos anos cincuenta, era común ver, nas noitiñas de xullo e agosto, a xente ceando sentada na porta da casa, armados de cunca de caldo ou prato de tortilla, en animada conversa cos veciños. Nas escaleiras da casa de meus pais, como tiñan moito acomodo, sempre había tertulia. Pero, craro, é que non había televexo nas casas.

Ningún comentario: