05 novembro 2020

A Feira do Viteún

Hai tanto que non escribo aquí que xa logo non me lembro de como se facía, pero, "por orden de la superioridad", vou tratar de contar outro dos recordos que, dos tempos de María Castaña, aínda me quedan na cada vez máis embarullada cabeza. Un destes días atrás iamos dando un paseo anti-colesterol desde a Redonda, a Palma, o Segaño e volta (aínda hai uns anos facíao correndo como si nada e agora...), e como moi ben sei, pola miña afección de moitos anos de corredor de fondo, cando pos o corpo a traballar en automático a cabeza tamén traballa pola súa conta e voa e vai dun pensamento a outro, e sen saber como nin por qué fun desenterrando e narrando o recordo de cando, de pequeno, calculo que con cinco ou seis anos, aló polos últimos anos cincuenta, acompañaba a miñas avoas a A Feira do Viteún no pinar da Magdalena de Cabanas. Saíase de madrugada, aínda de noite e a pé, levando unhas galiñas, uns galos, un porco xa criado para traer outro noviño para criar, ... o de levalo porco era unha odisea, con unha mazá ou unha espiga de maínzo cravada nun pau un pouco largo enganábase ao porco, para que andase, poñéndolla diante. Había que acomodarse ao seu paso, non quedaba outra! Habíaos que andaban ben, pero como cadrara un que non quería andar tíñalo claro. Algún recordo que logo de subir o Regueiral, xa a altura do túnel do ferrocarril, deitarse na cuneta e non haber forma de facelo andar máis. Aquí me quedo, parece que decía o animaliño. E con todo o camiño que faltaba aínda! O recorrido ate a feira polo Regueiral, por Limodre, San Martiño e a costa do Vinteún era unha romaría de xente que se incorporaba nos cruces, ou adiantándote os que andaban máis, ou adiantando aos que andaban menos, saudándose e facéndose comentarios uns e outros. Contábame anos despois miña avoa que eu camiñaba caladiño e sen protestar, pero dicíame de un certo neno, que era gordiño e custáballe camiñar, e choraba, e non quería, e sei que súa nai dicíalle "Pero a ver home, mira para este neniño, moito máis pequeno que ti e como camiña". Xa logo de vender o porco e comprar outro para críalo, si a operación fora rendible, igual tiñas sorte e mercábanche un regaliño. Acórdome moi vivamente dun coche que me mercaran nunha ocasión. Era un Renault 4/4, era de lata e da mesma cor e igualiño que os de verdade, tan ben feitiño... díos, que bonito era.

Ningún comentario: