05 novembro 2020
A Feira do Viteún
Teresa Calvo Permuy
Cando casaron contaba ela que seica dixo o cura, - “Que non teñan pena por casar as mozas de Redes; ata se casa Teresa!” -. Non debía ser moi guapa, pero tiña moi bo humor. Tampouco tiña moita sorte a pobre, xa tivera outro mozo, Fransisco, (dicía ela empregando o seseo típico das persoas maiores de Redes), que enfermou e morreu pouco antes de casar.
Ó que iamos. O meu bisavó Vicente foise para Cuba ós dous meses de casarse, deixando "encargada" unha filla, un par de anos despois veu dar unha curta visita e volveuse a ir deixando outro "encargo", esta vez un fillo. El ía mandando os seus cartiños da Habana, andaba nos viveiros, e con eles estaban facendo unha casa. Un tempo despois chegou a noticia, trouxérona os que viñan de aló. Vicente caera ó mar e comérano os tiburóns no golfo de México .
Pobres, tiveron de matrimonio real catro ou cinco meses. A partir de iso todo foi para Teresa traballo para rematar a construción da casa, e criar dous fillos pequenos. E viúva. Para máis, enfermou dos oídos e logo de perder o tempo e os cartos en consultas médicas na Coruña, quedou totalmente xorda. Non me imaxino a pobre Teresa indo a Coruña ós médicos naqueles tempos, cada viaxe sería unha epopeia, para ó final quedar igualmente xorda.
Cando chegou a TV tiña xa setenta e pico anos e levaba mais de corenta xorda, e aínda así era de ver como interpretaba, sen oír gota, o que pasaba na pantalla, facía comentarios que sorprendían os que estábamos alí; e a maioría das veces non ía descamiñada.
Pero era unha muller forte e tirada para diante, e entre a labranza, ir os mexillóns para as terras, -"Coma os homes" dicía ela-, atar e facer redes, xa que era redeira, criou ós fillos e acabou a construción da súa casa, e boa casa que fixo.
O mestre de obra foi o seu irmán Xosé Calvo, o do forno, que ben lle valería de axuda.
Conservou o bo humor sempre, agradecía moito que a escoitaran cando contaba as súas historias, era un gusto escoitala, có moito humor que tiña facíanos rir a todos.
Recordo como lle gustaba, xa de velliña, tomar un vasiño de viño encima das comidas, gardábao sempre pára o final, e dicía nunha especie de brindes, - “O meu amigo,…. Dáme a vida”. Esta frase tiña un dobre sentido e era unha das súas humoradas, xa que o viño era de Bodegas Amigo, e ademais como se movía moi pouco, tería ese frío que se mete nos ósos, que te destempla, e ó tomar o viño daríalle esa calor que lle daba a vida.
Tamén dicía do caldo: "É a raís do corpo".
Non quería sopas de sobre, nin avecrém, nin cousas artificiais, xa era unha partidari da alimetación ecolóxica; cando había para comer algo deso, desculpábase, non tiña fame, non protestaba nin nada, a miña nai xa sabía o que pasaba e xa o tiña en conta cando cociñaba.
Comía de todo, sen problemas de estómago nin nada, agradecía moito os iogures, os xelados no verán, as galletiñas e a copa de Sanson a merenda, era un pouco larpeira; pero cousas de sobre, nada.
Cando lle amosaron o seu primeiro tataraneto, o único que chegou a coñecer, dixo con alegría, - “Meu neniño, Deus te garde, - púxose un pouco seria, e dixo mirando para todos -, este é o que me ven botar a min. É lei de vida.”
Era Teresa Calvo Permuy, era a miña bisavóa.
O muelle da Areamorta
Ao marxe de todo isto é de destacar a vital importancia para o pobo de Redes, e por extensión para Caamouco, desta obra que hoxe nos parece insignificante. A xente de Redes usaba as lanchas tanto para as súas actividades laborais, como para desprazamentos comerciais, de lecer, ou doutra índole. Traíanse por mar os enseres, mobiliario e todo tipo de suministros necesarios. Tamén se facía por mar dende a asistencia a consultas médicas ate ás festas tanto a Pontedeume como a Sada, Betanzos, ou A Coruña. De aí que o acceso dos medios de transporte e distribución de mercancías dende e ate a ribeira fora fundamental. A documentación fotográfica de que dispoñemos móstranos que, daquela, no que hoxe é a Avda. Gaspar Rodríguez, no tramo que baixa dende a rúa do Medio ate o Pedregal, eran dúas rúas (a actual de Abaixo e outra rúa, parece que chamada do Pedregal), e no medio das dúas había unha ringleira de casas, talk e como se aprecia nesta foto do Pedregal.
Estas rúas, que chegaban ate a riveira, eran dunha anchura insuficiente para achegar ate o mar os medios de transporte utilizados daquela, fundamentalmente carros de bois ou vacas. Por outra banda a praza do Campo era o foro público e punto principal de reunión, e por tanto o sitio mais axeitado do que se dispoñía para depositar e proceder á distribución dos productos e mercancías que chegaban a Redes polo mar, xa que o Pedregal, daquela, era unha ribeira e as preamares chegaban case ó pé das casas e, en consecuencia, non permitía o seu uso como praza. Estas circunstancias fixeron necesaria na Areamorta unha infraestructura que facilitase a manobra de carga, descarga e acarrexo das mercadurías dende este punto de atraque e desembarco ate o punto de distribución e reparto, que era a praza do Campo. Como resumo de todo isto temos: que parece que o tataravó José Antonio Deus non era alcalde senón concelleiro nese momento. Si ben, como o mencionado expedente pon no seu título, estes traballos foron de "recomposición" da rampa, non di de construcción,.... e posible que cando se fixo por primeira vez el fora o alcalde?.
O cal non ten maior importancia. O interesante é constatar, mirando nos "papeis vellos", a existencia das persoas, e as obras que foron deixando no seu paso polo mundo os nosos antergos.