12 xaneiro 2008

As zamburiñas.

Estamos en tempo de zamburiñas,... que quero decir con esto? pois nin máis nin menos que este é o tempo, tanto estacional (inverno) como climatolóxico (temporal de ventos fortes) no que non se pode sair da ría, e no que, cando as había na "ría da música" os mariñeiros peinaban os fondos cós endeños para extraer a exquisita zamburiña, un marisco mais pequeno que a vieira, ainda que, para o meu gusto, moito máis delicado, de gusto algo doce e moi sabroso.

Cando miro o mar neste tempo de inverno, cando os ventos son fortes do O. ou N.O. e entran pola boca da ría traendo marexada e frío, vexo, nos meus recordos de neno, as lanchas de Redes no medio da olaxe e os homes entre espumantes salseiros, largando e remolcamdo por popa os endeños, recollendo e sacando as preciadas zamburiñas, especie que, por desgracia, está practicamente extinguida nesta ría.

Recordo tamén as empanadas deste froito do mar que facía miña nai, era unha mestra neste arte, con aquela masa tan fina e ben gramada có aceite do adobo, e tan dourada polo lume do forno, adornada da forma tradicional con debuxos e formas feitas con tiras de masa,...

E feitas ó forno tamén, postas nas súas cunchas acompañadas de algo de xamón ou touciño con freba e o adobo coa súa ceboliña picada miuda, e o pan raiado por riba doradiño.
Que boas estaban!

Os endeños eran parecidos ó da imaxe, ainda que os que usaban aquí,entre outras diferencias, tiñan máis alta a boca e a malla estaba soportada por un entramado rixido que a mantiña aberta e levantada para que non se enganchara no fondo, cargábase con ferros ou pedras para darlle peso e que se adaptara ben ó fondo mariño.

Ningún comentario: