20 xaneiro 2008

Os Comediantes e outras xentes


Fai anos, ( antigamente, dicíase nos contos ) e sobre todo no verán, aparecían por aquí uns personaxes que levantaban moita expectación, sobre todo na rapazada aínda que tamén entre os maiores. Refírome aos comediantes, titiriteiros, teatreiros e demáis que deambulaban parando de pobo en pobo e interpretando o seu repertorio nas prazas pola “vontade” e unha rifa, polo xeral dalgunha botella de licor ou outra bebida e unha caixa de galletas surtidas, que adoitaban meter no descanso, para así complementar a pouca “vontade” do público destes pobos que asistiamos en bo número, levando os maiores cada un a súa cadeira e sentándose en roda o redor dos cómicos. Non sobraba nin o solto e era a xente remisa a desfacerse dunhas pesetas. Adoitaban chegar familias mais ou menos numerosas acompañadas de cans, cabras, burricos e algún mono tamén se ten visto, que ás veces ate facían algún número. Establecíanse primeiro no Campo ao pé dun plátano de boa sombra que había naqueles anos, e mais tarde no Pedregal, cando se canalizou o río e aumentou así a superficie da praza. Percorrían as rúas de Redes facendo o seu pregón da actuación da noite, tocando unha corneta, un tambor ou algún outro instrumento e acompañados de, se o traían, algún animal e seguidos dos nenos en multitude, eu entre eles.
Chegou nunha ocasión, un matrimonio de bastante idade, o home era faquir, e percorreu, como correspondía, as rúas tocando unha campaíña e anunciando "Esta noche, en el “Perigá”, gran función ..." ou entendeu mal ou alguén llo dixo mal, o do Pedregal, quero dicir.
Na actuación deitábase nunha cama de cravos e comía cristais rotos de botellas e lámpadas e a muller,
ao final, pasaba a gorra para a vontade. Era deprimente, o faquir tiña unha delgadeza cadavérica e facíame imaxinar que debía de ter o estómago todo cheo de cortes dos cristais e que por iso non podía comer.

Non eran todos así, outros eran de mais categoría. Recordo un pequeno grupo de
teatro que se hospedaba na pensión do Cabanés (hoxe de Muchola) e actuaban no salón de América. Un día, como tiñan pouco público, aprazaron a función para o día seguinte, co compromiso de que as entradas valerían. Ao outro día cedo, largáronse e non se volveu a saber deles.

Logo chegou a televisión e acabáronse esas cousas, a xente deixou de necesitar ese entretemento que tan agradecido e
ra noutros momentos e foron desaparecendo. O último que recordo, actuou no Casino e era unha familia formada por un matrimonio e varios fillos que representaron un espectáculo con paiasos (Carasucia e Pocapena) equilibristas e demais, era un espectáculo bastante digno.


Foto: Grupo de titiriteros de Binefar

Ningún comentario: