31 xaneiro 2008

Dona Margarita


Á maioría de nos, cando tíñamos tres ou catro anos, as nosas nais mandábannos a escola que Dona Margarita tiña no Pedregal, mentres non se empezaba na “escola nova”, que era como se coñecía aínda polos anos cincuenta a escola da Tenencia.
Margarita tiña un parvulario en Redes cando aínda non había tal cousa na ensinanza pública. Que eu saiba non tiña formación académica ningunha, pero ela encargábase de que romperamos a ler e escribir e de que nos acostumáramos á estar na escola.

Era bastante berrona e de carácter un tanto acedo, pode ser que afectada pola coxeira que padecía de nacemento.
Dábanos clase no baixo onde ten agora Dora a perruquería, as partes baixas das paredes estaban desconchadas e ensalitradas, tiña unha mesiña e unha silla ó lado esquerdo da porta según se entraba, dende ali daba clase. Tiña, tamen, unha vara á que lle chamaba “el francés” que servía para poñer orden e manter a cativaría acomodada. Sentàbamonos nunhas filas de pupitres que deixaban un pasillo por onde, armados de tambores de lata e outros instrumentos que había nun estante na parede, nos poñía a desfilar tocando e cantando “Tropa con tropa, medio batallón, el padre de Fulanito es un borrachón”.
E así en sucesivas voltas de desfile tocaballe os pais de todos, ou case todos, que algúns merecían máis respecto e librábanse.
Ate que un bo día un contoulle o conto ó seu pai e este díxolle: cando volva a dicir eso, ti contéstalle ….
No seguinte desfile, cando chegou o de: “Tropa con tropa, medio batallón, el padre de Fulanito es un borrachón” o rapaz replicou “E Juan Pindanga e un mari.....ñeiro”; acabouse para sempre o do borrachón.
Os pupitres eran pequeniños e vellos, xa medio desartellados, escribiamos naquelas pizarras cós pizarrillos que cando caían ó chan rompían en cachos e alá ía todo.
Na parte de arriba, dando á rúa da Riveira, tiña un recunchiño cativo cun mostrador, nel tiña o estanco. Recordo aquela olor picante do tabaco, o Caldo de Gallina, o Bisonte, os Peninsulares e os Celtas,...

Ela e mailo seu irmán Juan eran solteiros, e o bo de Juan aguantaba estoicamente o seu mal carácter, xa que vivían xuntos na casa do lado, onde agora está A Pousada do Mariñeiro.
O local que hoxe ocupa a taberna, que a min parecíame daquela moi grande, era moi soleado e dicíanos ela que, cando facía bo tempo, tomaba baños de sol que eran moi bos para o reuma. Daquela a min eso dos baños de sol parecíame moi raro, os baños tiñan que ser con auga, ou non? Tamén dicía que despois de comer, ás veces, vía medrar o monte de Breamo, eso tamén me parecía moi raro, pero bueno, eu que sei como sería eso, misterios da mente humán.

Ningún comentario: