25 setembro 2007

As bodegas da casca


Había outra operación que era necesario facer cos aparellos.
As redes eran, como xa dixen, de fío de algodón, e en consecuencia brancas, era necesario tinguilas para facelas menos visibles no mar e sobre todo, para conservalas. (Tamén se lle facía antigamente ás velas das lanchas e botes)

Esto facíase nas “bodegas da casca”, onde había unha caldeira na que se quentaba auga, queimando leña debaixo e se fervía casca de piñeiro, facíase así un tinte no que se cocían as redes para que colleran a cor castaña que tiñan.
Esto había que facelo periodicamente, pois ó usalas a diario as redes íaselles lavando a cor e era necesario tinguilas de novo.
Estou vendo ós mariñeiros, cruzar o Pedregal ou subindo as escaleiras da Areamorta, po la calle da Riveira, cada un cás voltas de aparello que lle tocan ó lombo, a boina, as zocas, ou xa despois as botas de goma, en fila cal unha santa compaña, cara as bodegas da casca. Cachete, Tizón, Antonio o Zurdo, Juan Pindanga, Jaime, Campitos, Pirixel, .... Pero este traballo non era dos peores, mentras se cocía o aparello, asábase algún compango no lume e con pan e un pouco viño, e algúns contos, a cousa levabase ben.

Ó acabar a operación baleirábase a caldeira e tirábase a casca ó mar por un desaugue de madeira, que se conserva en parte e que se aprecia na foto, e vertía nas rochas que hai debaixo, que xa tiñan sempre a cor da casca.
Que ben o pasábamos os cativos nadando na auga quente! E despois saiamos tamén encascados, como os aparellos.

Ningún comentario: