22 setembro 2007

Un pobo Mariñeiro.


Esta vila que agora se ve tan turística e chea de veleiros, non foi sempre así.

Fai anos estaba chea de lanchas que se dedicaban a pescar sardiña có arte do "xeito".

Esta é unha arte de pesca selectiva, que consiste en largar unha serie de panos de rede que teñen nun borde corchos e no outro plomos, así cando se largan por popa, quedan formando unha barreira e ó pasar o peixe queda “mallado”, pescase so o peixe que da a medida da malla da rede e o que é menor pasa.
As redes eran dunha anchura de sobre dez ou doce metros e dunha lonxitude de arredor de cen, largábanse aparellos compostos por varias redes formando unha barreira de mil ou mais metros.
As postas facíanse en varios lances e recollidas, de noite (o asexo) ou ó amañecer (o amanexo) e a pesca contabase por milleiros e vendíase por caixas ou por ducias.

Nos anos cincuenta e sesenta aínda había en Redes bastantes lanchas. Podo recordar algunhas como o San Vicente de Vicente do Baleiro, o Imperio e o Galicia de José do Calvo, o San Ramón de Jesús o Cambalete, o Miramebién que non recordo si era do vello Grande, a Marieta que patroneaba Faustino, A Lolita dos Meiriños (O vello Santos e os seus fillos Manolo, Celso, Paco e José formaban a tripulación), o Nonchodigo de Paco Bello,
Desta contabase a seguinte anécdota:
Cando foi dala de alta na Comandancia preguntáronlle:
- Nombre de la lancha.
- Nonchodigo.
- Déjese de tonterías y dígame el nombre de la lancha.
- Nonchodigo.
- Oiga usted o me dice el nombre de la lancha o ….
- Desculpe usted pero o nome da lancha e Nonchodigo” .

Nas tardes do verano, aquelas tardes de sol, sobre as cinco ou as seis, cando se preparaban para ir ao mar atracaban no múelle dez ou doce lanchas, e xuntábase unha morea de xente que parecía aquelo unha festa.
Calculando cinco ou seis tripulantes por cada unha, os cativos que estábamos bañándonos polo muelle, as mulleres dalgúns dos mariñeiros que traían os cestos da comida antes de saír, mais uns cantos que aproveitaban para ir a botar unha parrafada, habería nalgún momento sobre cen persoas. Viñan homes de Limodre, San Juan, San Martiño e por suposto de todo Caamouco.
Aquelo era síntoma de vida, de traballo, de pobo!

Antes de irse enchían os garrafóns de auga fresca na fonte de Portoradeiro, ás veces mandábannos a buscala nun caiuco a algúns dos cativos que andábamos por alí. Recordo unha vez que foramos dous ou tres, éramos novos e non “xinguíamos” moi forte, ó volver sopraba nordeste fresco, andabamos para atrás en vez de avanzar, menos mal que Pallarés estaba pendente e nos botou unha man dende terra que si non…. Que tempos.

Un agarimoso recordo para o amigo Pepe Pallarés.

3 comentarios:

Anónimo dixo...

...o Miramebién que non recordo si era do vello Grande.

Con ánimo de colaborar, esta embarcación era de Pepe o "Pirixel"

Un saúdo
Comentario por Enrique (25-10-2007 17:42)

DeRedes dixo...

Tes razón, pero non estaba eu moi descamiñado, petei na porta do lado.
Gracias e saúdos.

Comentario por De Redes (25-10-2007 19:09)

Anónimo dixo...

felicidades moi ben tirado a historia

Comentario por arturo (29-10-2007 21:10)