25 setembro 2007

De redes e de redeiras


E logo de encascadas había que volver a poñelas a secar, tal e como vemos na foto a Jaime na cabria tendendo e a Juan na buceta dando de man o aparello.
E antes de saír ó mar embarcalas outra vez.

Había outro oficio relacionado con as redes, eran as “redeiras” ou “atadoras”, as encargadas de reparar os aparellos cando rompían, o cal sucedía frecuentemente, pois ou ben por largar moi cerca das pedras ou por recollelos moi cargados, de xebra as máis das veces, de patexo ou algunha vez de peixe, que tamén podía suceder.
.- Hai que ir atar, hai “avaría”.
Esta frase téñolla oído dicir moitas veces a miña bisavoa, que era redeira.
Si a avaría era grande e era durante as primeiras horas da noite, chamábanas a hora que fose, dúas, tres, catro… da madrugada, e aló ían coa súa ferramenta, un banquiño pequeno que era o mesmo tempo o caixón onde levaban as agullas de atar, as plantillas da medida da malla, a navalla, a pedra de afiala, os fíos para atar os aparellos e todo o necesario para telos listos para a marea seguinte ou canto antes, que a veces non daba tempo.
Nesas ocasións, recordo ir a levarlle o almorzo, acompañando a miña avoa, a súa filla, e logo o xantar si a reparación non remataba, a unha casa que está por detrás do garaxe de Román Barros, (a escola pía) e a unas bodegas moi ben feitiñas que hai aínda hoxe na calle Nova, a altura de Portoradeiro, son as que nunha delas, en letras de obra, pon enriba da porta CHALE 29. Teño estado alí vendo como ataban Aurea, avoa de Luis O Vivo, e Teresa Calvo, sentadas no banquiño casi a altura do chan, cas pernas estiradas e suxeitando o aparello ca punta dos pes e aqueles movementos das mas rápidos e precisos, refacendo incluso as partes de rede que faltaban.

Homenaxe ás, que eu saiba, foron as últimas atadoras de Redes.

Aínda que anos despois vin atar tamén a María Eugenia, a muller de Antonio Grande, ela nono facía como profesional, e xa eran outros tempos, os das tarrafas. E esa xa é outra historia.

Ningún comentario: